Adellis. Asociación socio-cultural de Silleda

Adellis. Asociación socio-cultural de Silleda

Adellís naceu en novembro de 1997 coa intención de dinamizar actividades culturais alternativas no Concello de Silleda.

Temos realizado numerosos eventos, musicais, cinematográficos, teatrais, artesanais, deportivos, etc.. Como colectivo tamén social, comprometido coa memoria, entre as nosas reivindicacións máis relevantes atópanse:

- Retirada do rueiro do Concello de Silleda, de todos os nomes e simboloxía franquista e fascista existente: en Silleda, Rúas General Franco e José Antonio, e todas aquelas que gardan tamén certas connotacións co réxime: na Bandeira, Rúas Iryda e Ppo.

- Retirada da simboloxía franquista ao pé das igrexas: p. Ex.: Monolito aos Caídos por Dios y por España, na Igrexa de Silleda, e algunhas outras de varias parroquias do noso Concello.

Un dos nosos obxectivos é a difusión dos aspectos biobibliográficos dos nosos autores locais, entre os que se encontran: Alonso Ríos, Valenzuela Otero, O Pintor Manuel Colmeiro...

- Temos organizado Actos de Homenaxe a diversos represaliados: Castelao no cincuentenario do seu falecemento. Aos políticos e autores locais, Antón Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela no seu XXVº cabodano.

- Reedición do xornal “La República” de Silleda (1932)

Conferencia do Guerrilleiro antifranquista “Quico”.

- Edición do cartafol "José María Fernández Colmeiro: Doutor contra o cancro fascista".

Colaboramos coa Comisión pola Memoria “Siñor Afranio”.

 

Noticias desta asociación

A Casa da Cultura de Silleda acolle a presentación de dúas obras sobre a figura de Antón Alonso Ríos

A Casa da Cultura de Silleda  acolle a presentación de dúas obras sobre a figura de  Antón Alonso Ríos

A asociación socio-cultural Adellís e a Comisión pola Memoria Sinhor Afranio, co apoio da Consellaría de Cultura e Deporte, convídanvos a participardes da presentación literaria que se celebra o xoves 3 de xaneiro ás 9 da noite, na Biblioteca Municipal Castelao da Casa da Cultura de Silleda.

Presentaranse dous libros arredor da figura do silledense Antón Alonso Ríos e haberá unha táboa redonda na que participarán: Xosé Manuel Malheiro, Xulio Carballo e Matías Rodríguez da Torre.

A primeira publicación, de Xosé Manuel Malheiro, As escolas de emigrantes e o pensamento pedagóxico, é a tese de doutoramento deste silledense, profesor na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Nela utilízase como exemplo deste pensamento renovador na construción das escolas e na didáctica, na personalidade do mestre silledense, na altura da República profesor na Escola "Aurora del Porvenir" en Tomiño, Antón Alonso Ríos. O libro está editado por Edicións do Castro.

A segunda publicación, de varios autores, son As Actas da Homenaxe no XXVº aniversario no cabodano de Antón Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela, editadas pola Consellaría de Cultura e Deporte. Estas actas recollen as intervencións levadas a cabo nas Xornadas de Homenaxe a estes dous trasdezaos que se coorganizaran, entre Adellís e a devandita Consellaría de Cultura, entre outubro e novembro de 2005 na Casa da Cultura de Silleda.

As actas compilan as conferencias celebradas á volta do Deputado e agrarista de Cortegada, Alonso Ríos e o escritor bandeirense, Ramón de Valenzuela, ambos os dous exiliados en Buenos Aires após Guerra Civil. Recóllese tamén nelas as represións no Concello de Silleda e as comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes. Finalmente transmiten de forma literal a sentida homenaxe tributada en Silleda o 5 de novembro de 2005, con amigos de ambos os dous persoeiros e a presenza de Mariví Villaverde, viúva de Ramón Valenzuela Otero.

3 de xaneiro de 2008

Voltar

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez