
A Asociación Cultural Comisión pola Memoria “Sinhor Afranio” nace o día 25 de novembro de 2005 como consecuencia da unión dos membros das Asociacións Culturais do norte da provincia de Pontevedra que están a traballar desde hai anos en proxectos de recuperación da memoria histórica. Nestas asociacións (A.C. “A Estrada”, A. C. “O Meigallo” de Cuntis, A. C. “A Cabana” de Moraña, A. C. “Canón de Pau” de Cotobade, A. Cult. e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes, A. S. C. Adellís de Silleda, A. C. “O Naranxo”, e A. C. “M. Ferreiro” de Lalín) veñen realizando publicacións (libros sobre Roberto Blanco Torres, García Barros, Otero Espasandín, etc...) vídeos (Xoán Xesús González), revistas (A Taboada, Boletín Verbo Xido) e actividades tratando estes asuntos. Para optimizar os recursos acordouse crear esta nova entidade que agrupase aos membros que nestas asociacións veñen a desenvolver os seus proxectos de investigación e divulgación nesta materia. Divulgación en galego de libros e vídeos sobre o tema, pero tamén nalgúns casos, como se veu facendo até agora, a reedición de obra descoñecida dalgunha das vítimas da represións e que pese a súa calidade segue a estar silenciada, así como xornadas que os poñan en valor, lembren e analicen os aspectos biográficos e a súa acción social.
A Asociación “Siñor Afranio” dispón de todos os recursos das anteriormente citadas entidades. Fondos documentais de persoas tan relevantes como Roberto Blanco Torres de Cuntis, a quen se lle dedicou o día das letras galegas, ou Manuel García Barros, da Estrada. Pero sobre todo conta con investigadores solventes que veñen traballando na comarca desde hai anos que poñen a disposición da Comisión “Siñor Afranio” as conclusións dos seus traballos sobre a represión franquista na comarca, vítimas, lugares da memoria, recuperación da obra destes, etc...
Nestes momentos a Comisión “Siñor Afranio” está a coordinar os esforzos de colectivos e de todos os investigadores para cumprir o obxectivo de completar neste ano un inventario dos represaliados, da súa historia, da súa obra – cando son escritores ou intelectuais – dos lugares emblemáticos que compre lembrar, etc...
Fins e obxectivos da Comisión Siñor Afranio
1.- Elaborar un repertorio de represaliados e represaliadas polo franquismo no ámbito territorial da comisión (norte da provincia de Pontevedra)
2.- Facer un listado da simboloxía franquista existentes nas vilas e aldeas da nosa zona.
3.- Estabelecer un mapa de lugares da memoria relativo á represión franquista e dos represaliados e represaliadas.
4.- Colaborar con todos os colectivos locais existentes no ámbito territorial da asociación e que teñan os mesmos obxectivos, potenciando e procurando a maior repercusión das súas actividades.
5.- Estabelecer relacións fraternais, sen exclusións e nun plano de igualdade, con todas aquelas asociacións que estean a traballar no mesmo eido en toda Galicia así como no resto do Estado español, de cara a conseguir a eliminación da simboloxía franquista, sinalar os lugares da memoria e reivindicar tanto aos represaliados e represaliadas como o seu compromiso polo que sofreron persecución.

Neste acto público, a celebrar na Sala Varela Buxán do Teatro Principal de A Estrada, intervirán Dionisio Pereira (historiador e membro do Consello da Memoria), Xoán Carlos Garrido (historiador e membro do Consello da Memoria) e Antonio Mascato (Presidente da Comisión pola memoria e Concelleiro de Cultura en O Grove).
Diante da denuncia presentada contra Dionisio Pereira polo contido da súa intervención no Congreso da Memoria celebrado en Narón, en decembro de 2003, e publicada nas Actas no 2004; polas alusións que neste relatorio fai a "persoas sinaladas nos asasinatos e maltratos ou como instigadores dos mesmos" a unha serie de nomes de cargos da falanxe, todos eles falecidos, que o historiador recolleu das súas testemuñas orais, e cuxos familiares agora lle acusan de atentar contra o seu honor; compre facer unha reflexión pública sobre o papel da investigación histórica neste país e das dificultades que ten abordar certos períodos coa metodoloxía propia desta ciencia si se lle aplica a persecución xudicial e a censura.
Con este acto trátase de dar a coñecer a opinión pública as características peculiares do obxecto de estudio ao que non se lle pode impoñer os mesmos esquemas da realidade presente como se verá. Referímonos a represión informal desatada o 18 de xullo de 1936. Un contexto de excepción e unhas actividades nocturnas nas que se prestaba especial celo en borrar o rastro dos autores.
Neste acto mostraranse exemplos de abondo deste xeito de proceder. De aí que non se poida ir moito máis alá de establecer relacións lóxicas en base a testemuñas fundamentalmente orais que apunten á participación en diferente grao dos membros destas organizacións paramilitares (Falanxe e Garda Cívica) na comisión de crimes que de xeito irrefutable se cometeron. Asi pois, polas características destes feitos estudados, as veces non se pode ir máis alá de formular hipóteses nos termos expostos polo historiador denunciado, mais tampouco en ningún caso se pode pasar por menos, senón o traballo de investigación quedaría sesgado e incompleto e daría a impresión errónea de que foron forzas irracionais anónimas as que levaron a cabo estas accións. Algo contrario aos postulados de calquera ciencia que pretanda avanzar no coñecemento da realidade, propoñendo conxeturas que expliquen as causas e o funcionamento dun feito social desta envergadura e relevancia para comprender o noso presente.
Por iso, a Comisión pola memoria "Sinhor Afranio" quere dar a oportunidade a opinión pública de saber como eran aquelas circunstancias e as dificultades dos investigadores de sacalas á luz; e, en definitiva, as graves consecuencias que esta denuncia ten para o desenvolvemento e progreso destes estudios e para a liberdade de creación científica.