Asociación Cultural Comisión pola Memoria Sinhor Afranio

Asociación Cultural Comisión pola Memoria Sinhor Afranio

A Asociación Cultural Comisión pola Memoria “Sinhor Afranio” nace o día 25 de novembro de 2005 como consecuencia da unión dos membros das Asociacións Culturais do norte da provincia de Pontevedra que están a traballar desde hai anos en proxectos de recuperación da memoria histórica. Nestas asociacións (A.C. “A Estrada”, A. C. “O Meigallo” de Cuntis, A. C. “A Cabana” de Moraña, A. C. “Canón de Pau” de Cotobade, A. Cult. e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes, A. S. C. Adellís de Silleda, A. C. “O Naranxo”, e A. C. “M. Ferreiro” de Lalín) veñen realizando publicacións (libros sobre Roberto Blanco Torres, García Barros, Otero Espasandín, etc...) vídeos (Xoán Xesús González), revistas (A Taboada, Boletín Verbo Xido) e actividades tratando estes asuntos. Para optimizar os recursos acordouse crear esta nova entidade que agrupase aos membros que nestas asociacións veñen a desenvolver os seus proxectos de investigación e divulgación nesta materia. Divulgación en galego de libros e vídeos sobre o tema, pero tamén nalgúns casos, como se veu facendo até agora, a reedición de obra descoñecida dalgunha das vítimas da represións e que pese a súa calidade segue a estar silenciada, así como xornadas que os poñan en valor, lembren e analicen os aspectos biográficos e a súa acción social.

A Asociación “Siñor Afranio” dispón de todos os recursos das anteriormente citadas entidades. Fondos documentais de persoas tan relevantes como Roberto Blanco Torres de Cuntis, a quen se lle dedicou o día das letras galegas, ou Manuel García Barros, da Estrada. Pero sobre todo conta con investigadores solventes que veñen traballando na comarca desde hai anos que poñen a disposición da Comisión “Siñor Afranio” as conclusións dos seus traballos sobre a represión franquista na comarca, vítimas, lugares da memoria, recuperación da obra destes, etc...

Nestes momentos a Comisión “Siñor Afranio” está a coordinar os esforzos de colectivos e de todos os investigadores para cumprir o obxectivo de completar neste ano un inventario dos represaliados, da súa historia, da súa obra – cando son escritores ou intelectuais – dos lugares emblemáticos que compre lembrar, etc...

Fins e obxectivos da Comisión Siñor Afranio

1.- Elaborar un repertorio de represaliados e represaliadas polo franquismo no ámbito territorial da comisión (norte da provincia de Pontevedra)

2.- Facer un listado da simboloxía franquista existentes nas vilas e aldeas da nosa zona.

3.- Estabelecer un mapa de lugares da memoria relativo á represión franquista e dos represaliados e represaliadas.

4.- Colaborar con todos os colectivos locais existentes no ámbito territorial da asociación e que teñan os mesmos obxectivos, potenciando e procurando a maior repercusión das súas actividades.

5.- Estabelecer relacións fraternais, sen exclusións e nun plano de igualdade, con todas aquelas asociacións que estean a traballar no mesmo eido en toda Galicia así como no resto do Estado español, de cara a conseguir a eliminación da simboloxía franquista, sinalar os lugares da memoria e reivindicar tanto aos represaliados e represaliadas como o seu compromiso polo que sofreron persecución.

 

Noticias desta asociación

Rexeitando esquecementos

Rexeitando esquecementos

Os días 8 e 9 de outubro, a Asociación “Comisión pola memoria Siñor Afranio” da Estrada e a Comisión pola Memoria de Vilagarcía, convocan un acto de lembranza dos feitos producidos o 9 de outubro de 1936, cando foron “paseados” 6 cidadáns provintes de concellos de arredores da Estrada e o enterro dos seus cadáveres nunha foxa común no camposanto municipal.

Estas persoas son Severino García Teijeiro, José Domingo González Boullosa, Juán Bacariza Sánchez, Ramón Muíños Lorenzo, Manuel Guillán

Abalo e Jesús Froiz Gómez.

O día 8 celebrarase o primeiro dos actos en Vilagarcía, no Auditorio

Municipal, e consistirá nunha conferencia na que participarán

Andrés Domínguez Almansa y Gustavo Hervella, investigadores do proxecto de Investigación Interuniversitaria que presentarán o Proxecto

“As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” e abordarán a historia

vilagarciana durante os tres anos que durou a guerra civil española.

O día 9 a Comisión pola Memoria Siñor Afranio da Estrada e a Comisión pola memoria de

Vilagarcía, teñen previsto en primeiro lugar sinalar o sitio onde aconteceron os feitos cunha placa no chan da beirarrúa, colocada polo Concello da Estrada, lembrando o acontecido

nese espazo. Este acto celebrarase ás 19.30 h horas na Ponte do Regueiro (á beira de FENOSA)

Posteriormente terá lugar o descubrimento dunha lápida no cemiterio da Estrada, sinalando a foxa común onde foron soterrados e os nomes das persoas que alí se atopan. Neste acto está previsto que interveñan os representantes

de ambos os dous Concellos.

Por último terá lugar ás 21 h no Teatro Principal un acto público no que se

lembrarán os acontecementos, coa intervención de membros das familias das vítimas (Rosalía González Génova e Leonor Guillán) e o profesor Manuel Igrexas.

Para máis información:

http://www.blogoteca.com/autoestrada/index.php

Descargar adxunto
30 de setembro de 2008

Voltar

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez