
O xoves 31 de xullo inaugúrase a mostra "Rostros da Memoria" no Auditorio de Cangas do Morrazo. A exposición está patrocinada pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares".
Este acontecemento cultural inscríbese dentro dos actos que a Asociación 28 de Agosto de Cangas ten programados para o verán, xa que é nesta data cando lembran a morte dos seus veciños no Monte Anguieiro en 1936.
Trátase dunha colección de fotografías realizadas en 2007 polo fotógrafo coruñés Xurxo Lobato, e que estiveron expostas nas capitais de Galicia, chegando agora a esta vila pontevedresa antes de que en setembro viaxe até Madrid para mostrarse na Casa de Galicia.
Entre os retratados atópanse varios veciños do Morrazo: Amancio Caamaño Caamaño, Gloria González Martínez, María do Carme Nores Graña e Dolores Rodal Blanco, xunto a outros máis doutras zonas de Galicia, todos eles represaliados ou familiares directos de persoas que perderon a súa liberdade tras o golpe de estado franquista.