
“Verbo Xido” nace no mes de maio de 2001 coa finalidade de promover actividades de tipo cultural, etnográfico e medioambiental nos Concellos da Terra de Montes.
Entre os seus obxectivos é de salientar a promoción, potenciación e desenvolvimento do Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO) e tamén as propostas dirixidas a crear unha maior conciencia medioambiental na zona e á recuperación da memoria histórica da bisbarra.
Para iso organiza anualmente as Xornadas denominadas “Terra de Tod@s” a carón de conferencias, debates e mesas redondas, roteiros, actuacións musicais, publicación e presentación de libros e proxección de audiovisuais. Ademáis edita un Boletín trimestral e mantén relacións fraternais con outros colectivos das comarcas de Tabeirós, Deza, Cuntis ou Cotobade.
Lola Varela Salgado- Presidenta
Enderezo: Camiño do Pouso 2, 36560
Soutelo de Montes
(Forcarei - Pontevedra)
Teléfono(s):
986-753412/607711182
E-mail:
antenor53@yahoo.es
Pax. Web:
www.cetmo.trazantes.com
Email: verboxido@yahoo.es
Páxina web: www.cetmo.info

Fonte: La Voz de Galicia, Deza-Tabeirós-Montes. Rocío García. 22/05/2008.
Un total de 349 historiadores, profesores de historia e investigadores das asociacións da recuperación da memoria histórica de todo o estado acaban de remitir ás autoridades españolas un escrito solidarizándose con Dionisio Pereira. O investigador cerdedense foi denunciado pola familia do ex alcalde franquista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez, por publicar un traballo de investigación no que vinculaba a Gutiérrez con diversos actos de represión.
O escrito foi enviado por correo electrónico e postal ao presidente do goberno, o presidente do Congreso dos Deputados e o presidente do Senado.
Ademais de facer público o seu apoio a Dionisio Pereira, os investigadores - entre os que figura ata algún estranxeiro - esixen a aplicación e desenvolvemento da Lei da Memoria Histórica para protexer aos investigadores. Os asinantes piden que se desenvolva a disposición final primeira da lei, que habilita ao goberno a `ditar cantas disposicións sexan necesaria para o desenvolvemento e a aplicación´ da Lei da memoria. En concreto, os investigadores propoñen que se engada unha declaración de lexitimidade constitucional da libre investigación sobre a guerra civil e o franquismo, en base a fontes históricas tanto escritas como orais e sen censura previa sen ningún nome, fonte ou dato histórico.
Os asinantes do escrito consideran `incomprensible´ que os lexisladores prevexan medidas respecto ao acceso aos arquivos ou a recuperación de restos das vítimas e que se esqueceron en cambio `das persoas que están achegando de forma comprometida e desinteresada o seu rigor académico e honestidade profesional a un coñecemento máis preciso e plural da verdade histórica´.
Os historiadores advirten que non están dispostos a tolerar o tratamento `inxusto, antidemocrático e hostil cara aos historiadores de profesión´. Recordan que moitos historiadores están sendo vítimas de `acoso xudicial´ por parte das persoas que aparecen na documentación como responsables de torturas e asasinatos durante a guerra civil e a ditadura franquista.
`Calvario xudicial´
Os asinantes aseguran que a resolución caso a caso das denuncias está creando alarma entre os historiadores e dificultando o seu traballo.
* Máis recollidas da Carta pública:
· historiantes.blogspot.com >>
· www.foroporlamemoria.info >>
· www.reporterodelahistoria.com >>