Carlos Parrado ven de publicar un estudo sobre o guerrilleiro coruñés que, baixo o nome de Curuxás, estivo activo até 1967, sendo, xunto ao Mario de Langullo, o último “fuxido” de 1936. Parrado ten dedicado anos ao estudo da figura deste personaxe, mediante entrevistas a familiares e persoas que o trataron, consulta de diversos arquivos, tanto de Galicia como de fóra para, con toda esta información, construír a vida pública dun dos mitos contemporáneos da memoria colectiva do pobo.
Houbo un home que Franco endexamais cazou. Ramón Varela, de alcume O Curuxás, foi dos que non se rendeu aos militares que aplicaron o terror no 36. Fuxiu em armas ao monte para evitar unha morte segura e, posteriormente, converterase nun membro máis da Guerrilla que lle fixo fronte á Ditadura. Anos en loita e clandestinidade nos que forxou unha lenda que aínda pervive nas terras do interior de Galicia.
As forzas policiais franquistas nunca puideron prendelo e, cando o presumían no exilio, unha nova sacode os seus cuarteis. O Curuxás, coa súa roupa guerrilleira, arma e correaxe, apareceu morto e o seu enterro custeouno a veciñanza. Xa era o ano 1967. Trinta e un anos, pois, sen ser capturado por Franco. [Resumo]
Carlos Parrado | Vigo | A Nosa Terra | 291 páxinas |
2009