Malia as dificultades, as exiliadas lograron ir saíndo adiante e mesmo ás veces realizar un gran labor social e cultural, proseguido polas súas descendentes. O orgulloso símbolo do éxito das fillas do exilio en terra allea foi sen dúbida a actriz María Casares, nena galega que acabou converténdose nunha primeirísima actriz do teatro e do cinema en Francia.
- Cando se está exiliada unha vez, estase exiliada para sempre.
- O teatro é un lugar de exiliados. É o meu lugar.
- O meu nome é María Casares. A terra coa que fun feita é Galicia. Nacín no Théâtre des Mathurins. A miña patria é o teatro e o meu país de orixe a España refuxiada.
- A primeira vez que recitei a Lorca en público foi en París, durante a ocupación alemá; era a miña maneira de testemuñar, a miña maneira de loitar, dende a memoria e dende a miña profesión.
- Non volvín a España ata 1976, despois da morte do ditador, cando era libre de face- lo, cando xa non tiña que pedir permiso a un réxime fascista ilegal que matara a República da que son filla. En 1936 marchara unha nena; corenta anos despois volvía unha actriz.
(María Lopo, “O meu nome é María Casares”, Unión Libre, 12, Cinemas, 2007).
MARÍA CASARES
Cando María Casares saíu para o exilio levou con ela algunhas das mellores cousas de Galicia, transmitidas pola profunda apertura liberal do seu pai e pola libre estirpe popular operaria da súa nai: o amor á liberdade e á cultura; a autoafirmación e a fortaleza das mulleres; a filoxinia dos mellores homes; e o gusto polo gozo alegre da vida natural. Con esta equipaxe vital privilexiada superou os males do exilio deleitándose na arte dramática que chegou a dominar con absoluta mestría e deleitándose na arte de vivir da que gozou con plenitude. E así, para un dos seus amores, o seu compañeiro Albert Camus, María foi o que ela era: a vida.