O 6 de marzo de 2009 inaugurabas a exposición Vermellas. Chamábanlles “rojas” na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. A mostra, organizada pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, está dedicada ás mulleres que foron represalidas en Galicia tralo golpe de estado de 1936. A mostra permaneceu aberta ao público até o 6 de maio de 2009.
A exposición foi organizada e financiada por Lugo Cultural. Lugo Cultural é un convenio entre Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia, Fundación Caixa Galicia e USC xestionado pola Vicerreitoría de Cultura.
A represión e as súas diferentes tipoloxías foron expostas a través das súas protagonistas, mulleres que por distintas condicións socio-culturais e políticas sufriron continuas humillacións e vexacións, perdendo a seres queridos, en moitos casos pasando por penas de cárcere e noutros de forma dramática atopando a morte.
O Proxecto expositivo conta con documentación literaria autoría de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, ademais de fotografías e material audiovisual procedente do Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e voces” dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea na USC Lourenzo Fernandez Prieto e financiado pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que se encargou do asesoramento histórico do mesmo, aportando diferentes gráficas e un mapa no que poder pescudar a represión exercida ás mulleres durante a represión franquista. Así mesmo, o Proxecto proporcionou unha listaxe de nomes das vítimas da bisbarra de Lugo procedentes dos resultados da investigación que o equipo leva desenvolvendo desde o 2006.
Ademais da mostra en sala, o programa “Vermellas” contou con diferentes encontros relacionados coa temática da represión, celebrando diferentes conferencias nas que participaron a profesora de Historia Contemporánea e coordinadora do Proxecto de Investigación “Nomes e Voces” Chus Souto, a profesora de literatura galega Carmen Blanco e os investigadores Antonio Somoza Cayado e Gustavo Hervella García, que presentaron os datos da represión en Galicia, atendendo de xeito especial á represión de xénero tralo Golpe de Estado. Outro acto foi o recitado e presentación do poemario “Ámote vermella” de Claudio Rodríguez Fer.
A responsabilidade do proxecto expositivo recae nos grupos de traballo formados por: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Andrés Domínguez Almansa, Gustavo Hervella García, Chus Martínez Domínguez, Antonio Somoza Cayado e o Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces" e o equipo da Vicerreitoría de Cultura.
Así mesmo, músicos novos galegos colaboraron coas súas interpretacións na gravación dun CD dedicado ás vítimas da represión franquista: Grex, Snail, Isla Bikini, Iván e Josito.
Os gravados de Sara Lamas proceden do libro de Claudio Rodríguez Fer Ámote vermella, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2009, ISBN: 978-84-9782-953-3.