A vitoria militar franquista non puido impedir que ao longo da posguerra se producise en Galicia resistencia armada contra a ditadura. Nesta loita participaron tamén mulleres guerrilleiras, enlaces e colaboradoras, moitas delas abatidas a tiros: Manuela Sánchez (cantada polo poeta Lorenzo Varela), Antonia Díaz Pérez, Josefa Escourido Cobo, Alpidia García Moral, Celia González Pernas, Carmen Jérez Rodríguez, Carmen Temprano Salorio…
Algunhas foron detidas, torturadas e lon- gamente encarceradas, como a comunista Enriqueta Otero Blanco, coñecida como María de los Dolores e Pasionaria Lucense, a quen se conmutou a pena de morte á que fora condenada, pola de décadas de prisión. Tamén foron condenadas María Blázquez e Josefina González Cudeiro, Fina, que convivían cos guerrilleiros José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, executados na Coruña en 1948 a garrote vil. Houbo mulleres que acompañaron os guerrilleiros ata o último momento, como Ramona Curto Condal, Mirelle, que conviviu clandestinamente co último guerrilleiro da posguerra, José Castro Veiga, O Piloto, ata o abatemento deste en 1965, no contorno do embalse do Belesar, en San Fiz (Chantada).
A miúdo existiron núcleos familiares de apoio e combate guerrilleiro do que formaron parte mulleres, como Consuelo Alba Digón e as súas fillas Domitila e Florinda Gutiérrez Alba, de Cervantes (Lugo); as irmás Antonia e Consuelo Rodríguez López, de Soulecín (O Barco de Valdeorras), ou as tamén irmás Clementina, Josefina e María Remedios Gallego Abeledo, de Mugardos, que colaboraron coa castigada familia guerrilleira Freire Barcia, da Cernada. A última das mencionadas, chamada Marita, chegou a ser comisaria política dun destacamento da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro.
GUERRILLEIRAS NOS ANCARES
Consuelo Alba Digón e as súas fillas Florinda e Domitila Gutiérrez Alba de Cervantes, valentes e resistentes á represión e ao acoso fascista, foron mulleres libres no monte.
Guerrilleiras nos Ancares.