Asociacións

Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados

Presentación pública de `A Volta dos 9. Arte e Memoria. Arte é Memoria´

O Instituto de Estudos Miñoranos vén de anunciar a presentación do libro-CD-DVD `A Volta dos 9. Arte e Memoria. Arte é Memoria´, unha seitura artística que nos leva ao 15 de outubro do ano 36, cando nove veciños do Val Miñor foron asasinados nun lugar que, dende entón, pasou a chamarse `A Volta dos 9´.

O acto, previsto para as 8 da tarde do sábado 5 de abril, será conducido pola concelleira de Baiona Ana María Rodríguez.

Intervirán o músico e compositor Antón Seoane e recitarán os poetas Anxo Angueira e Marta Dacosta. Falarán tamén os membros do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome e Xosé Lois Vilar e proxectarase o DVD no que se recollen as iniciativas realizadas nas homenaxes aos nove asasinados.

Finalmente, a Delegada Provincial de Cultura, María Xesús Escudeiro e o Director Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato, farán entrega de exemplares do traballo aos familiares dos asasinados.

A organización prega puntualidade, xa que hai un tempo limitado para o acto. Durante o mesmo, poderase mercar o libro-CD-DVD a prezo de lanzamento.

· Instituto de Estudos Miñoranos >>

Instituto de Estudos Miñoranos | 4 de abril de 2008

Inauguración do monumento e homenaxe a Juana Capdevielle en Rábade

Juana Capdevielle, bibliotecaria de profesión, morreu en Rábade en agosto de 1936. Era viúva de Francisco Pérez, gobernador da Coruña, morto tamén no mesmo ano. O pasado sábado 29 de marzo a vila luguesa de Rábade rendeulle unha homenaxe descubrindo xunto á N-VI, preto de onde apareceu o seu corpo, unha estatua deseñada por Luciano Couselo. Ao acto acudiron os subdelegados do Goberno en Lugo e A Coruña, Jesús Otero e José Manuel Pose, e o delegado de Presidencia, Luis Rodríguez Edrosa.

Os actos, organizados polo Concello, comezaron cunha recepción na casa consistorial e seguiron no cemiterio: ante a súa tumba depositouse unha coroa. O Concello contou coa colaboración de Presidencia e da Fundación Amigos de Galicia.

· Ver a Nova >>

| 3 de abril de 2008

Acto de Homenaxe a Joaquín González González, `O Panadeiro de Monte Alto´

Joaquín González `O Panadeiro de Monte Alto´, represaliado da Guerra Civil e da ditadura franquista e, xa na Transición, un dos maiores impulsores do movemento veciñal na Coruña, será o protagonista do acto de homenaxe que o Foro pola Memoria de Galicia organiza para o vindeiro domingo, 6 de abril fronte ao mercado de Monte Alto.

A partir das 12 da mañá procederáse ao descubrimento dunha placa honorífica e intervirán coas súas palabras Don Xesús Alonso Montero, Presidente do Foro pola Memoria de Galicia; Don Esteban Lareo, Xefe do Gabinete do Concello da Coruña; Dna. Concha González Mosquera, filla de Joaquín González e Don Carlos Portomeñe, Secretario do Partido Comunista de Galicia.

Esta iniciativa, organizada pola Sede da Coruña do Foro pola Memoria de Galicia, conta coa colaboración da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural (Conselleria de Cultura e Deporte), do Concello da Coruña e do Partido Comunista de Galicia.

| 1 de abril de 2008

A Asociación `Amigos da República´ de Ourense rende homenaxe aos `Artistiñas´

O colectivo Amigos da República de Ourense celebra, no seu décimo ano de vida, unha nova edición da Festa da República. Nesta ocasión a asociación rende homenaxe aos Artistiñas, grupo de creadores ourensáns ou residentes nesta cidade denominados así polo escritor Vicente Risco, con quen se reunían e falaban na taberna ourensá `do Tucho´, na praza do Eirociño dos Cabaleiros.

Amigos da República presenta un completo programa de actividades que se desenvolverán os días 9,11,13,14 e 25 de abril. Entre elas podemos destacar a presentación do libro de Rogelio Arca Rivas e Dionisio Pereira `Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Álbum de Guerra´, que se celebrará o día 9, as 8 da tarde, no Ateneo de Ourense.

* Para máis información, pode consultar o Programa de Actividades en formato PDF.

| 1 de abril de 2008

A Exposición 'A Illa da Memoria' achégase a Santiago de Compostela

A mostra ´A Illa da Memoria´ continúa itinerando por todo o País e nesta ocasión fai parada no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, onde estará presente dende o 30 de xaneiro ao 13 de febreiro de 2008.

Esta colección realizada polo autor Antón Caeiro, compila unha serie de documentos gráficos e audiovisuais, coa fin de recordar a historia da Illa de San Simón (Cesantes-Redondela). Entre 1936 e 1943, a illa foi utilizada polas autoridades franquistas como colonia penitenciaria e campo de concentración, e por ela pasaron máis de 6000 presos de todo o estado español.

A exposición comezou a súa andadura na propia illa en xullo de 2006, coincidindo coa Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, e dende entón percorreu boa parte do noso País.

A iniciativa está promovida pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte.

| 30 de xaneiro de 2008
 

Listaxe de asociacions:

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez