Asociacións

Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados

Homenaxe Nacional ás Vítimas da Represión

O sábado día 22 e o domingo día 23 de xullo terá lugar na Illa de San Simón a Homenaxe Nacional ás Vítimas da Represión que organiza a Consellaría de Cultura e Deporte. Durante esta fin de semana o espazo que foi o máis grande presidio galego converterase en lugar de lembranza e homenaxe a todos e todas os que sofriron persecución, exilio ou morte a partir de 1936.


As persoas que desexen asistir terán que anotarse no correo electrónico: homenaxememoria@xunta.es ou no teléfono 981544812 de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

O día 22 celebraremos unha xornada de portas abertas na que, durante todo o día, en San Simón haberá distintas actuacións e actividades para un día no que todos e todas poderemos achegarnos á historia desta illa. Desde as 10.30 horas os barcos sairán do peirao de Cesantes para achegarse á illa na que se desenvolverá un programa que inclúe visitas guiadas, proxeccións audiovisuais do tema da memoria, apertura da exposición “A Illa da Memoria” e diversas intervencións musicais e escénicas nunha xornada na que a cultura se volcará na homenaxe. Do programa musical detacamos a actuación de Paulina Ceremuzynska, que nos achegará á lírica medieval, o contrabaixo de Carlos Méndez, a canción de Uxía ou Mini, Mero e Mariña, a Banda Musical do Concello de Visantoña e o Grupo Tradicional do IGAEM. En distintos espazos privilexiados da illa asistiremos ás intervencións de danza de Pisando Ovos e Disque Danza. A música, a palabra, a danza e a arte plástica ocuparán os espazos de infeliz lembranza de dor, medo e represión, evocando tamén ese tempo, como homenaxe aos milleiros de loitadores pola liberdade que sofriron cadea neste presidio da ría de Vigo.

Os asistentes a esta xornada percorrerán tamén a historia de represión de San Simón a través da exposición “A Illa da Memoria”, situada no edificio da Illa de San Antón, unha mostra comisariada por Antonio Caeiro que recolle abondosa documentación do terríbel pasado da illa.

Para facilitar a participación nestas actividades, a Consellaría de Cultura e Deporte habilitou un servizo gratuíto de transporte durante todo o día.

Os represaliados e represaliadas serán os protagonistas do acto nacional de homenaxe que terá lugar o día 23 de xullo. Representantes da memoria histórica viva intervirán publicamente nunha xornada na que o recoñecemento aos homes e mulleres que loitaron pola liberdade, a democracia e os dereitos de Galiza será o principal obxectivo. Participarán nesta homenaxe represaliados e represaliadas de toda Galiza e os seus familiares directos así como representantes das asociacións que traballan pola recuperación da memoria histórica e cargos políticos da Xunta de Galicia, no central recoñecemento institucional ás víctimas do golpe militar de 1936. A música, a palabra e a imaxe serán outravolta os elementos principais desta conmemoración na que intervirá o grupo de cámara “Solistas de Galiza” e proxectaranse fotografías de persoas que sofriron á represión co fin de recuperar a súa imaxe para a nosa memoria. Serán tamén os protagonistas das distintas intervencións que se instalarán nos edificios da Illa, que, por vez primeira, mudará o seu aspecto para ter presente os seus peores días.

Na illa quedará constancia permanente desta xornada a través dunha placa conmemorativa que se situará diante do cemiterio da pequena illa de San Antón, unida a San Simón por unha ponte. Será tamén o día da presentación pública do Consello pola Memoria.

| 13 de xullo de 2006

Consello pola Memoria

O día 23 de xullo farase pública a composición do Consello da Memoria, un órgano do que serán membros a conselleira de Cultura e Deporte ou persoa en quen delegue, o director xeral de Creación e Difusión Cultural ou persoa en quen delegue; 10 representantes elixidos entre os membros das asociacións de recuperación da memoria histórica, a proposta das propias asociacións; 5 recoñecidos investigadores designados pola Conselleira de Cultura e Deporte e 5 personalidades que viviron directamente a represión franquista e recuperación da memoria que serán designados pola conselleira de Cultura e Deporte a partir de propostas presentadas polos colectivos e asociacións.

As funcións do Consello da Memoria serán asesorar á Consellaría de Cultura e Deporte no obxectivo da recuperación da memoria histórica, colaborar cos programas que se deseñen institucionalmente, servir de interlocutor directo entre o mundo asociativo e a administración, presentar iniciativas encamiñadas á recuperación da nosa memoria, avaliar as decisións políticas tomadas ao respecto e impulsar novas accións de goberno, entre outras.

| 13 de xullo de 2006

O Barco da Memoria

Dentro das actividades que a Consellería de Cultura e Deporte vai desenvolver co gallo deste “Ano da Memoria”, hai unha que ten por único escenario o mundo do mar. Neste verán, dende o 17 de xullo ate o 6 de setembro, unha exposición itinerante sobre o asañamento dos fascistas contra o tecido societario urdido polos traballadores do mar, vai percorrer 18 portos do noso litoral, cun degoro divulgativo e unha presentación asequible ao gran público. E se o contido é novidoso, non o é menos o “continente”: os paneis explicativos irán no interior da adega dunha das embarcacións máis emblemáticas do noso patrimonio marítimo: o vapor “Hidria II”, vello alxibe que foi do porto de Vigo e hoxe totalmente rehabilitado, converterase por unhas semanas no “Barco da Memoria” que percorerá a beiramar dende a Ría de Vigo ate o Golfo Ártabro.

O proxecto do Barco da Memoria conta co apoio e coa colaboración das diversas asociacións e colectivos que traballan pola recuperación da memoria histórica. Estas entidades traballarán nas diversas actividades que se desenvolverán nas vilas nas que recale o barco. Por outra banda, no inicio da travesía do Barco, o día 17 en Cambados, intervirá Manolo Rivas coa lectura dun manifesto.

En definitiva, a exposición “Os Mártires do Mar: A represión franquista contra os mariñeiros galegos”, incentiva tamén a realización de actividades en torno ao barco, de maneira que a poboación poida visualizar a realidade da represión do franquismo no mundo do mar. Deste xeito, concellos das localidades da beiramar onde recala o Barco da Memoria, a carón de asociacións culturais, clubes náuticos, colectivos a prol da recuperación da memoria, sen esquecer algunhas confrarías e agrupacións mariñeiras, teñen preparadas xornadas de debate, presentación de publicacións, proxección de audiovisuais e, sobre todo, homenaxes ás vítimas da barbarie fascista en cada un dos diversos portos.

O BARCO DA MEMORIA

| 13 de xullo de 2006

A memoria en imaxes

Na orde de subvención da Consellaría de Cultura e Deporte para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega incluíuse este ano unha liña especial de axudas para fomentar o desenvolvemento de curtas que teñen como temática a recuperación da Memoria histórica en Galiza. O xurado encargado de resolver os proxectos que serán subvencionados elixiu sete que se producirán nos próximos meses, conseguindo así un importante conxunto audiovisual para o Ano da Memoria. De temáticas e xéneros diversos, entre as curtametraxes subvencionadas hai documentais que narran feitos acaecidos nos anos da represión en Galiza e historias de ficción que recrean de forma persoal a historia deses anos.

| 13 de xullo de 2006

Congreso “Destecendo a desmemoria. Galiza na loita antifranquista”

En novembro celebrarase en Pontevedra o congreso “Destecendo a desmemoria. Galiza na loita antifranquista (1936-1977)”, un encontro intelectual que congregará aos principais investigadores e especialistas no tema da recuperación da memoria histórica tanto de Galiza como do ámbito internacional. O congreso estructurarase en distintos apartados entre os que destacan os núcleos temáticos “A resistencia ante a ocultación”, “O desmantelamento da desmemoria pactada” “Os protagonistas da resistencia. As ideoloxías e movimentos sociais opostos ao franquismo” ou “Experiencias internacionais”. Será esta, pois, unha cita imprescindíbel para a reflexión e a análise do que supón unha conmemoración como o Ano da Memoria.

| 13 de xullo de 2006
 

Listaxe de asociacions:

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez