A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentou o pasado día 2 de marzo xunto aos comisarios Xosé Enrique Acuña e Christopher J. B. Dallett (neto da artista) a mostra de fotografías e debuxos da norteamericana Ione Robinson, que por primeira vez se expoñen en todo o mundo.
A conmoción da Guerra Civil en Barcelona, os presos dos campos de concentración en Francia, os nenos exiliados en Burdeos e México son captados pola cámara e polo lapis de Robinson, unha muller que morre en 1989 comprometida coa liberdade. A través de 57 fotografías e 14 debuxos a mostra retrata a realidade social da guerra que se estaba a desenvolver contra o fascismo.
Aínda que non tomou imaxes da contenda en Galiza, a súa relación co país estreitouse ao casar durante un ano co político pontevedrés Bibiano Fernández Osorio-Tafall, comisario Xeral do Exército Republicano. Grazas a el Robinson consegue un permiso para tomar imaxes na retagarda e achegarse aos represaliados nos campos de concentración.
Nada en Oregón en 1910 e dotada cunha ampla formación plástica baixo a influencia de Diego Rivera ou Alfaro Siqueiras, viaxa en 1929 a México co seu primeiro marido, o comunista norteamericano Joseph Freeman, co que se achega ao ambiente dos muralistas e a artistas como Tina Modotti.
Xa en 1938, aterra en Barcelona en plena ofensiva franquista, época na que coñece ao biólogo e republicano galego co que mantivo unha relación amorosa que os levou a contraer matrimonio en 1939. Un ano despois foi anulado ao descubrir que a esposa do pontevedrés seguía viva nunha Galiza subxugada polo franquismo.
Na capital catalana segue a realizar debuxos nas rúas e nas fábricas, xa derrotada a República, para continuar o seu traballo nos campos de concentración do sur de Francia e retratando aos nenos acollidos en Bordeaux logo do bombardeo de Gernika. Regresa a México, onde segue as consecuencias da ditadura española achegándose aos fillos da República.
A Galería de Ione Robinson >>