Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados
Por outra banda , e do 20 ao 27 de marzo, o IES A Basella de Vilanova de Arousa recibe a exposición "A Illa da Memoria", de Antón Caeiro. Esta mostra evoca o tempo (1936-1943) en que a illa de San Simón foi colonia penitenciaria e campo de concentración. Foi inaugurada no pasado mes de xullo, no marco da Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, realizado na propia illa.
Outros centros de ensino de Galiza incorporaranse gradualmente a esta iniciativa.
A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, ten realizado convites aos diferentes centros de ensino secundario de Galiza, a fin de dirixir o esforzo de recuperación e divulgación da memoria histórica e da represión derivada do golpe de estado militar do 18 de xullo de 1936, o cal asolagou todas as ilusións democráticas da IIª República e os dereitos nacionais de Galiza.
No exercicio destas competencias, a recuperación da nosa memoria histórica é unha obriga institucional que ten que responder á demanda mantida durante décadas pola sociedade galega. Durante moito tempo, o maior esforzo recaeu en asociacións e particulares, que desenvolveron un comprometido traballo de investigación e difusión, e o seu esforzo formou o muro que detivo o esquecemento, descubrindo a verdade e contribuíndo ao seu coñecemento. Grazas a ese esforzo xeneroso e xusto podemos agora tirar do fío da memoria e recoller un testemuño que loitou para que o silencio non fose total.
En todo este tempo, e fundamentalmente nos últimos anos, agromaron asociacións e iniciativas particulares encamiñadas a lembrar os nomes e os espazos da represión, recoller as voces dos represaliados ou abrir os arquivos para atopar a documentación que confirmaba o alcance dos acontecementos ocorridos en Galicia. Maiormente, estes traballos fixéronse sen ningún apoio institucional, coa vontade persoal de quen os executaba, persoas convencidas de que era preciso un esforzo colectivo para un labor do que dependía o noso futuro.
A Consellería de Cultura e Deporte quere agora recoñecer a relevancia deste labor e apoiar as accións de recuperación da memoria histórica que neste ano organicen asociacións e particulares, tanto desde o ámbito da investigación como da homenaxe e a divulgación.
O vindeiro venres 16 de marzo ás 6 da tarde, a aula 113 da Facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona servirá de escenario para a proxección do documental "Aillados".
Neste evento participarán Ernesto Carratalá, ex-convicto na Illa de San Simón e o director do documental Antonio Caeiro.
O Teatro Principal de Santiago de Compostela será o escenario onde poderemos ver a proxección do documental "A derradeira lección do mestre", de Xoán Carlos Garrido. Este proxecto documental foi subvencionado pola Consellaría de Cultura e Deporte na Convocatoria do Ano da Memoria realizada no 2006.
No evento, de entrada libre, intervirán Néstor Rego, Concelleiro de Cultura de Santiago de Compostela, Anxo Louzao, Secretario Nacional de CIG-Ensino e o autor do proxecto, Xoán Carlos Garrido.
Desde a Dirección Xeral de Creación e difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte conxuntamente coa Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, programouse un acto institucional de homenaxe ás mulleres represaliadas polo franquismo, o cal leva por nome "Mulleres con Memoria". Terá lugar o vindeiro sábado 3 de marzo de 2007 ás 12 h. no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Será un acto dedicado a todas as vítimas femininas desta cruenta represión, unha lembranza para todas as que sufriron cárcere, violencia, exilio, silencio e en definitiva, represión e privación da liberdade.
O acto, que será conducido pola poeta Marga do Val e no que inservirá a profesora Aurora Marco, contará coa presenza numerosas mulleres da nosa memoria viva, testemuñas directas do golpe de estado militar fascista de 1936, así como conseguinte represión sufrida por todos e todas.
Mais nesta ocasión preténdese incidir na figura da muller, porque nelas simbolízase a dobre represión, tanto a nivel público, pola violencia exercida e a falta de liberdade, como a nivel privado, na esfera familiar, onde en moitos dos casos deberon silenciar e tirar adiante as súas familias. No acto participarán Ánxela Bugallo (Conselleira de Cultura e Deporte) e Carme Adán (Secretaria Xeral de Igualdade). Amais contarase coa colaboración musical de Mercedes Peón.