Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados
Os vindeiros días 11, 12 e 13 de decembro, terá lugar o "Congreso Álvarez Blázquez" no teatro municipal do edificio de Área Panorámica, na vila pontevedresa de Tui.
Dito congreso, organizado pola Real Academia Galega, a Consellaría de Cultura e Deporte e o Concello de Tui, contará con tres xornadas dedicadas a comunicacións, conferencias e relatorios acerca da figura de Xosé María Álvarez Blázquez, nado nesta vila e homenaxeado no día das letras galegas deste ano 2008.
O acceso ao congreso está regulado mediante inscrición.
O domingo, día 30 de novembro, Víctor Aparicio estrea o documental “Afranio” no marco das III Xornadas sobre a represión antifranquistas do Baixo Miño: “Memoria e Nación". O acto terá lugar no Auditorio de Goián ás 19.30 h, ao que acudirán, ademais do director, ó actor protagonista do filme Luís Tosar, para xuntos integrar unha mesa de debate que se celebrará ao termino da proxección, e que estará moderada por Xosé Manuel Méndez.
O documental, producido por Alen Filmes, pretende ser unha achega á figura do silledense Antón Alonso Ríos, máis coñecido como o Siñor Afranio.
O vindeiro venres, día 28 de novembro, presentarase ás 20.30 h no Auditorio Municipal de Ribadeo o quinto número da revista Cadernos Ribadenses, editada pola Agrupación Cultural Francisco Lanza coa colaboración do Concello de Ribadeo e A Consellaría de Cultura e Deporte. Dito número, dedicado á recuperación da memoria local da vila de Ribadeo, será presentado por Gustavo Hervella García, investigador do Proxecto de Investigación Interuniversitario “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”, acompañado de Dores Fernández Abel, Presidenta da Agrupación Cultural Francisco Lanza, nun acto que contará coa presenza musical de Mini e Mero.
Cadernos Ribadenses. Recuperando a Memoria conta coas colaboracións ensaísticas da investigadora e profesora da USC Mª Xesús Souto Blanco, que tamén é a coordinadora da provincia de Lugo no proxecto de Investigación; o catedrático de historia contemporánea, e I.P. do Proxecto, Lourenzo Fernández Prieto, e os investigadores locais, Miguel Freire Sitjas e Antonia González Pérez, ademais de Dores Fernández Abel.
O Laboratorio de Patrimonio (LaPa - CSIC) e o Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces" realizarán o próximo día 1 de decembro o seminario interno: "A Universidade e a Investigación da
Historia Recente".
O acto celebrarase no Salón de Actos do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento ás 19:00 h. Nel intervirán José M. López Mazz coa ponencia: "O rol do arqueólogo, as presións e os límites da verdade" e Lourenzo Fernández Prieto con: "A experiencia do proxecto: As vítimas, os nomes, as voces e os lugares". A xornada pecharase cun debate.
O profesor López Mazz é un colaborador habitual do LaPa - CSIC, encargado de facer o proxecto arqueolóxico de "Recuperación de la Memoria Histórica Uruguaya". Este proxecto culminou coa identificación dos primeiros desaparecidos da ditadura da República Oriental en 2006. Estes traballos foron realizados desde o Grupo de Investigación en Arqueología Forense da Universidad de la República do que el é director.
López Mazz é doutor en Estudos de América Latina (Antropoloxía) pola Sorbona/París III en 1986. Entre 1994 e 1996 realizou estancias postdoutorais na universidade de Kentucky e na USC.
Lourenzo Fernández Prieto é catedrático de historia contemporánea na USC. Especializado en historia agraria e do mundo rural, é autor de varias publicacións e traballos de investigación relacionados coa construción da modernidade en Galicia e os movementos sociais (movemento obreiro, agrarismo.
Dirixe un programa de teses de doutorado sobre a Galicia rural baixo o franquismo. É investigador principal de varios proxectos que teñen como temática o franquismo: A guerra Civil e o proceso de construción do réxime franquista en Galicia e o Proxecto de Investigación Interuniversitaria "As vítimas, os nomes e as voces".
O vindeiro venres, día 21 de novembro ás 20:30 h. na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10, baixo) terá lugar un acto en homenaxe aos mestres da República, represaliados polo franquismo no Val Miñor.
O acto consistirá nunha conferencia impartida polo director do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome Quinteiro, denominada "A represión franquista sobre o maxisterio miñorán".
Dita conferencia, ademais de repasar todos os casos de mestras e mestres represaliados, centrarase especialmente nos casos de Benito Ramallo Gómez, mestre na Escola de Nenos nº 1 de Baiona; de José Vázquez Grela, mestre de Nigrán asesinado nas Angustias o 12 de setembro de 1936, do matrimonio
formado por José Cribeiro González e Juliana Concepción Gómez Martín,
mestre e mestra de Donas respectivamente, e en Victoriano Taibo, mestre de Morgadáns.
Tras a ponencia, farase un recoñecemento público aos mestres e mestras represaliados, que contará coa presenza de María Luz, Priscila e María Blanca Cribeiro Gómez fillas de José Cribeiro González e Concepción Gómez Martín, así como as súas netas e bisnetas e tamén diversos alumnos e
alumnas. Tamén contaremos coa presenza de Gloria Taibo, filla de Victoriano Taibo, mestre de Morgadáns acompañada polos seus familiares.
O acto aberto ao público en xeral pretende ser un sinxelo recoñecemento ás "luces da República", a aquela xeración de mestres e mestras que impulsaron co seu traballo a ilustración dos sectores populares e que a
reacción militar e fascista converteu en centro das súas persecucións.
O acto será presentado por Pilar Barreiro, da Xunta de Goberno do IEM.
Tamén se poderá visitar a exposición "Antón Alonso Ríos. O siñor Afranio" na que se fai un delongado repaso da vida deste deputado agrarista que substituiría a Castelao na Presidencia do Consello de Galicia no exilio
americano.