Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados
O Instituto de Estudos Miñoranos vén de anunciar a presentación do libro-CD-DVD `A Volta dos 9. Arte e Memoria. Arte é Memoria´, unha seitura artística que nos leva ao 15 de outubro do ano 36, cando nove veciños do Val Miñor foron asasinados nun lugar que, dende entón, pasou a chamarse `A Volta dos 9´.
O acto, previsto para as 8 da tarde do sábado 5 de abril, será conducido pola concelleira de Baiona Ana María Rodríguez.
Intervirán o músico e compositor Antón Seoane e recitarán os poetas Anxo Angueira e Marta Dacosta. Falarán tamén os membros do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome e Xosé Lois Vilar e proxectarase o DVD no que se recollen as iniciativas realizadas nas homenaxes aos nove asasinados.
Finalmente, a Delegada Provincial de Cultura, María Xesús Escudeiro e o Director Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato, farán entrega de exemplares do traballo aos familiares dos asasinados.
A organización prega puntualidade, xa que hai un tempo limitado para o acto. Durante o mesmo, poderase mercar o libro-CD-DVD a prezo de lanzamento.
Juana Capdevielle, bibliotecaria de profesión, morreu en Rábade en agosto de 1936. Era viúva de Francisco Pérez, gobernador da Coruña, morto tamén no mesmo ano. O pasado sábado 29 de marzo a vila luguesa de Rábade rendeulle unha homenaxe descubrindo xunto á N-VI, preto de onde apareceu o seu corpo, unha estatua deseñada por Luciano Couselo. Ao acto acudiron os subdelegados do Goberno en Lugo e A Coruña, Jesús Otero e José Manuel Pose, e o delegado de Presidencia, Luis Rodríguez Edrosa.
Os actos, organizados polo Concello, comezaron cunha recepción na casa consistorial e seguiron no cemiterio: ante a súa tumba depositouse unha coroa. O Concello contou coa colaboración de Presidencia e da Fundación Amigos de Galicia.
Joaquín González `O Panadeiro de Monte Alto´, represaliado da Guerra Civil e da ditadura franquista e, xa na Transición, un dos maiores impulsores do movemento veciñal na Coruña, será o protagonista do acto de homenaxe que o Foro pola Memoria de Galicia organiza para o vindeiro domingo, 6 de abril fronte ao mercado de Monte Alto.
A partir das 12 da mañá procederáse ao descubrimento dunha placa honorífica e intervirán coas súas palabras Don Xesús Alonso Montero, Presidente do Foro pola Memoria de Galicia; Don Esteban Lareo, Xefe do Gabinete do Concello da Coruña; Dna. Concha González Mosquera, filla de Joaquín González e Don Carlos Portomeñe, Secretario do Partido Comunista de Galicia.
Esta iniciativa, organizada pola Sede da Coruña do Foro pola Memoria de Galicia, conta coa colaboración da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural (Conselleria de Cultura e Deporte), do Concello da Coruña e do Partido Comunista de Galicia.
O colectivo Amigos da República de Ourense celebra, no seu décimo ano de vida, unha nova edición da Festa da República. Nesta ocasión a asociación rende homenaxe aos Artistiñas, grupo de creadores ourensáns ou residentes nesta cidade denominados así polo escritor Vicente Risco, con quen se reunían e falaban na taberna ourensá `do Tucho´, na praza do Eirociño dos Cabaleiros.
Amigos da República presenta un completo programa de actividades que se desenvolverán os días 9,11,13,14 e 25 de abril. Entre elas podemos destacar a presentación do libro de Rogelio Arca Rivas e Dionisio Pereira `Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Álbum de Guerra´, que se celebrará o día 9, as 8 da tarde, no Ateneo de Ourense.
* Para máis información, pode consultar o Programa de Actividades en formato PDF.
Esta colección realizada polo autor Antón Caeiro, compila unha serie de documentos gráficos e audiovisuais, coa fin de recordar a historia da Illa de San Simón (Cesantes-Redondela). Entre 1936 e 1943, a illa foi utilizada polas autoridades franquistas como colonia penitenciaria e campo de concentración, e por ela pasaron máis de 6000 presos de todo o estado español.
A exposición comezou a súa andadura na propia illa en xullo de 2006, coincidindo coa Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, e dende entón percorreu boa parte do noso País.
A iniciativa está promovida pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte.