Asociacións

Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados

O Ateneo de Ourense recibe a Exposición Itinerante ´A Illa da Memoria´

O Ateneo de Ourense (Curros Enríquez, 1) acolle a exposición "A Illa da Memoria", de Antón Caeiro, dende o 3 ao 17 de setembro.

Aproveitando a estancia da exposición, organizarase o 6 de setembro ás 8 da tarde a presentación do libro "Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A Illa de San Simón", (Edicións Xerais de Galicia) de Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure, que realizarán os propios autores.

Esta mostra evoca o tempo (1936-1943) en que a Illa de San Simón foi colonia penitenciaria e campo de concentración e foi dada a coñecer ao público o pasado mes de xullo de 2006, no marco da Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, realizado na propia illa.

Promoven esta iniciativa a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Ourense, coa colaboración do Ateneo ourensán e a Fundación 10 de marzo.

Fundación 10 de marzo | 24 de agosto de 2007

Xornadas de Portas Abertas na Illa de San Simón

A Consellaría de Cultura a través da Fundación "Illa de San Simón" abren dende o luns 13 de agosto, o prazo de reservas para visitar o lugar os vindeiros 24, 25 e 26 de agosto e o 1 e o 2 de setembro. Os visitantes desfrutarán dun percorrido guiado no que se lembrará o pasado da illa dende a Idade Media.

O departamento que dirixe Ánxela Bugallo organiza unhas xornadas que permitirán o acceso a este sitio histórico de 2.000 persoas durante cinco días, nos que se ofrecerá transporte marítimo gratuíto. As visitas, que contarán con percorridos guiados polo recinto, poderán visionar a exposición permanente sobre este conxunto e a exposición itinerante “A illa da memoria”.

As viaxes á zona terán lugar durante dúas fins de semana consecutivas. Darán comezo o venres 24, sábado 25 e domingo 26 de agosto con saída e chegada no porto de Cesantes en Redondela.

O sábado 1 e domingo 2 de setembro as saídas e chegadas efectuaranse no porto de San Adrián de Cobres, Vilaboa. Levaranse a cabo cada día catro visitas guiadas, de dúas horas de duración, con saídas ás 10h., 12,30 h., 16,30 h. e 19 horas.

O transporte e o acceso ao conxunto é gratuíto. As persoas que queiran realizar esta visita deberán reservar o pase nos teléfonos 981 935303 e 981 590272, no correo electrónico trevisani@trevisani.es ou a través do servizo de turismo de Redondela.

A Fundación "Illa de San Simón" foi constituída recentemente para a conservación deste sitio histórico, declarado Ben de Interese Cultural, a xestión das súas instalacións e o desenvolvemento de actividades culturais e educativas diversas. Así mesmo durante o 2006 centráronse na illa as actividades do Ano da Memoria.

A illa de San Simón xa se constituíu como un lugar emblemático dende a Idade Media ao albergar diversas entidades monacais, pero foi a partir de 1840 cando se converteu en lazareto ata a década de 1920, como centro de reclusión dos enfermos en corentena que chegaban nos barcos que recalaban en Vigo. Logo de 1936 a 1943 foi a cárcere de presos políticos e de guerra e a partir desta data tivo diversos usos ata quedar no abandono. Nos últimos anos a illa de San Simón contou cun gran pulo dirixido ao seu uso cultural, que na actualidade está a xestionar a Fundación Illa de San Simón.

| 13 de agosto de 2007

Dionisio Pereira recibe o ´II Premio Día da Galiza Mártir á Recuperación da Memoria Histórica´

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle, ás 2 da tarde do vindeiro venres, 17 de agosto, o xantar de entrega do ´II Premio Día da Galiza Mártir á Recuperación da Memoria Histórica´. O galardonado é o historiador Dionisio Pereira (A Coruña, 1953), autor de numerosas obras sobre a represión franquista na Galiza e promotor de diversas iniciativas colectivas de investigación e recoñecemento das vítimas.

O evento forma parte do programa de actos do Día da Galiza Mártir, que a Fundación Alexandre Bóveda organiza en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte, e os Concellos de Poio e Pontevedra.

Os interesados en asistir ao xantar de entrega poden inscribirse ata o mércores, 15 de agosto, chamando ao teléfono 670/514 960 ou enviando un correo electrónico a galizamartir@gmail.com

Máis Información >>

| 10 de agosto de 2007

A Fundación Alexandre Bóveda organiza o ´Día da Galiza Mártir´

Xa está pechado o programa de actos do Día da Galiza Mártir, que a Fundación Alexandre Bóveda organiza en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte, e os Concellos de Poio e Pontevedra. A esta xornada de honra, asistirán, entre outros persoeiros/as, D. Anxo Quintana (Vicepresidente da Xunta de Galiza) e Dna. Ánxela Bugallo (Conselleira de Cultura e Deporte).

O programa desenvolveráse como segue:

• 13:00 h.: Homenaxe institucional a Alexandre Bóveda. No monumento a Alexandre Bóveda na Caeira, en Poio.

• 14:00 h.: Xantar de entrega do II Premio Día de Galiza Mártir á Recuperación da Memoria Histórica ao historiador Dionisio Pereira. No Pazo de Cultura, Rúa Alexandre Bóveda, Pontevedra.

• 18:30 h.: Cerimonia de Aniversario: Na capela de San Amaro (Pontevedra)

• 19:00 h.: Acto Cívico diante do sartego de A. Bóveda. No Cemiterio de San Amaro (Pontevedra)

• 20:30 h.: Homenaxe política no monumento a A. Bóveda. Na Praza de Curros Enríquez diante do monumento a Bóveda (Pontevedra)

Máis Información >>

| 10 de agosto de 2007

A Exposición ´Os Mártires do Mar´ viaxa a Salvaterra do Miño

O centro histórico de Salvaterra do Miño acolle a exposición "Os Mártires do Mar, a represión franquista contra os mariñeiros galegos", da autoría de Dionisio Pereira, dende o 27 de agosto ao 2 de setembro.

Lembremos que no verán do 2006 esta exposición itinerante estivo a bordo do Barco da Memoria, O Hidria II, durante 52 xornadas e percorreu 18 portos do noso litoral atlántico.

A proposta é froito da colaboración entre a Consellería de Cultura e Deporte e a Sociedade Cultural e Deportiva do Condado.

| 9 de agosto de 2007
 

Listaxe de asociacions:

A navalla suíza