Asociacións

Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados

Comezan as conferencias da Área de Historia do Congreso Internacional ´A Raia 1936-1952. Represión, Resistencia e Memoria´

Ourense acolle nestas datas o terceiro bloque de actividades do Congreso Internacional ´A Raia 1936-1952, Represión, Resistencia e Memoria´. Dende as 9 e media da mañá do mércores 28 de marzo numerosos estudosos da materia de grande prestixio tanto nacional como internacional danse cita no Liceo ourensán para desenvolver a Área de Historia do Congreso.

´A Raia 1936-1952, Represión, Resistencia e Memoria´ pretende servir como ferramenta académica e formativa para que o proceso de recuperación da memoria histórica continue e se asente en metodoloxías e práticas cada vez mais eficientes, e a súa vez, de ponto de encontro de asociacións culturais e persoas de ambos lados da fronteira galaico-portuguesa, coa fin de fortalecer os lazos de unión existentes. A Área de Historia da continuidade ás actividades desenvolvidas o pasado ano 2006: A reunión de colectivos e asociacións que tivo lugar o pasado mes de novembro en Vilarelho da Raia e a Área Antropolóxica do Congreso, celebrada en Chaves e Cambedo da Raia en decembro de 2006

O Programa do Congreso >>

| 28 de marzo de 2007

O IES de Melide e a Biblioteca Pública de Pontevedra retoman as itinerancias das exposicións ´Os Mártires do Mar´ e ´A Illa da Memoria´

A Biblioteca Pública de Pontevedra acolle a exposición "A Illa da Memoria", de Antón Caeiro, dende o 27 de marzo ao 10 de abril. Esta mostra evoca o tempo (1936-1943) en que a illa de San Simón foi colonia penitenciaria e campo de concentración e foi dada a coñecer ao público o pasado mes de xullo, no marco da Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, realizado na propia illa.

O acto de inauguración en Pontevedra está programado para o martes 27 de marzo ás 8 e media da tarde. Intervirán Mª Xesús López Escudeiro, Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Antón Caeiro, autor da exposición e Marta Souto, Delegada Provincial da Consellaría de Cultura e Deporte.

Por outra banda, o IES de Melide recibe, do 26 de marzo ao 2 de abril a exposición "Os Mártires do Mar, a represión franquista contra os mariñeiros galegos", da autoría de Dionisio Pereira e levada a bordo do Barco da Memoria, O Hidria II, durante 52 xornadas e 18 portos do noso litoral atlántico.

A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, ten realizado convites aos diferentes centros de ensino secundario de Galiza, a fin de dirixir o esforzo de recuperación e divulgación da memoria histórica e da represión derivada do golpe de estado militar do 18 de xullo de 1936, o cal asolagou todas as ilusións democráticas da IIª República e os dereitos nacionais de Galiza.

| 27 de marzo de 2007

Presentación do libro ´Memorial da Liberdade. Represión e resistencia en Galiza 1936-1977´

O xoves 29 de marzo ás 8 da tarde ten lugar na Casa da Parra de Santiago de Compostela a presentación do libro ´Memorial da Liberdade. Represión e resistencia en Galiza 1936-1977´ de Xosé Enrique Acuña. Esta publicación realiza un percorrido pola exitosa exposición do mesmo nome, que estivo presente no Auditorio de Galiza do 3 de novembro do 2006 ata o 31 de xaneiro deste ano.

Lembremos que “Memorial da Liberdade” é un abraiante mosaico visual que recolle todas as situacións que sufriu o pobo galego desde os primeiros días do alzamento militar ata os derradeiros anos dictatoriais.

As Imaxes da Exposición >>

| 27 de marzo de 2007

Proxección na Estrada de ´A Derradeira lección do mestre´ e Homenaxe aos mestres represaliados polo franquismo

O vindeiro sábado, día 24 de marzo, ás 8 da tarde, o Teatro Principal da Estrada será o escenario dunha homenaxe aos mestres represaliados polo franquismo e da proxección do documental "A derradeira lección do mestre", de Xoán Carlos Garrido, unha curtametraxe que foi subvencionada na convocatoria pública de axudas para iniciativas audiovisuais que difunden a memoria histórica.

Esta é unha oportunidade inmellorable para poder ver, de xeito gratuíto, "A derradeira lección do mestre", a historia dunha neutralidade imposible, da tensión provocada por querer encarcerar o ensino dentro das aulas, de costas á vida.

Máis Información >>

| 22 de marzo de 2007

A Casa da Parra abriu unha exposición de fotos e debuxos de Ione Robinson sobre a Guerra Civil

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentou o pasado día 2 de marzo xunto aos comisarios Xosé Enrique Acuña e Christopher J. B. Dallett (neto da artista) a mostra de fotografías e debuxos da norteamericana Ione Robinson, que por primeira vez se expoñen en todo o mundo.

A conmoción da Guerra Civil en Barcelona, os presos dos campos de concentración en Francia, os nenos exiliados en Burdeos e México son captados pola cámara e polo lapis de Robinson, unha muller que morre en 1989 comprometida coa liberdade. A través de 57 fotografías e 14 debuxos a mostra retrata a realidade social da guerra que se estaba a desenvolver contra o fascismo.

Aínda que non tomou imaxes da contenda en Galiza, a súa relación co país estreitouse ao casar durante un ano co político pontevedrés Bibiano Fernández Osorio-Tafall, comisario Xeral do Exército Republicano. Grazas a el Robinson consegue un permiso para tomar imaxes na retagarda e achegarse aos represaliados nos campos de concentración.

Nada en Oregón en 1910 e dotada cunha ampla formación plástica baixo a influencia de Diego Rivera ou Alfaro Siqueiras, viaxa en 1929 a México co seu primeiro marido, o comunista norteamericano Joseph Freeman, co que se achega ao ambiente dos muralistas e a artistas como Tina Modotti.

Xa en 1938, aterra en Barcelona en plena ofensiva franquista, época na que coñece ao biólogo e republicano galego co que mantivo unha relación amorosa que os levou a contraer matrimonio en 1939. Un ano despois foi anulado ao descubrir que a esposa do pontevedrés seguía viva nunha Galiza subxugada polo franquismo.

Na capital catalana segue a realizar debuxos nas rúas e nas fábricas, xa derrotada a República, para continuar o seu traballo nos campos de concentración do sur de Francia e retratando aos nenos acollidos en Bordeaux logo do bombardeo de Gernika. Regresa a México, onde segue as consecuencias da ditadura española achegándose aos fillos da República.

A Galería de Ione Robinson >>

| 20 de marzo de 2007
 

Listaxe de asociacions:

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez