Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados
Neste acto, o público asistente poderá facerse co número dous da `Voandeira´ da Oliveira, monográfico dedicado a este alcalde natural de Teo, e falarán Ramón Arufe, que estudou a figura de Benjamín Salgado Uribe, e Manuel Igrexas, profesor e historiador, que investigou a fondo a época republicana e a represión posterior ao ano 1936 na comarca do Deza.
Benjamín Salgado Uribe naceu no ano 1889 en Vilar, parroquia de Cacheiras, concello de Teo. Foi o quinto dos fillos da mestra Marcelina Uribe e do médico Fernando Salgado.
Como tantos galegos, Benjamín coñeceu a emigración. Traballou en La Habana, e percorreu América, desde os Estados Unidos até Bos Aires, traballando de xornalista. Ao regreso a Galicia instalouse en Arzúa, onde abriu, en sociedade coa súa familia, un coñecido almacén de tecidos e gañou o aprecio dos seus veciños.
Despois da morte do seu pai, instalouse, cun seu irmán, en Vila de Cruces, onde abren un ultramarinos. Como viña facendo en Arzúa, participa no rico tecido asociativo da II República. Como consecuencia do trunfo do Frente Popular foi elixido alcalde.
Despois da rebelión militar do 18 de xullo, o mesmo día 19 trasládase a Pontevedra, xunto con cargos sindicais e políticos do Deza, a recibir instrucións do Gobernador provincial. En vista de como se desenvolvían os acontecementos, teme pola súa vida e decide agocharse, primeiro en Compostela e despois en Arzúa. No seu refuxio enferma da tuberculose que lle causará a morte no ano 1950, apenas catro anos despois de ser indultado do delito de "rebelión militar" que el, obviamente, non cometera.
Marín acolle nos vindeiros días dous actos con motivo do aniversario da II República. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica desta localidade realiza o luns 14 de abril un acto de honra ao pé da Pedra da Liberdade, no que intervirá o profesor de historia José Luís Pallín Justo. O evento terá lugar nos xardíns do Concello ás 20:30 horas.
Por outra banda, e na Biblioteca de Marín, o venres 18 de abril a partir das 20:30 horas terá lugar a proxección do documental `O Barco da Memoria´. Intervirá neste acto Matías Rodríguez da Torre, Coordenador da actividade do Barco da Memoria.
A Asociación da Memoria Histórica do Grove vén de programar un conxunto de actividades que se celebrarán os días 11 e 12 de abril. Para a primeira destas `Xornadas pola República´, os organizadores teñen prevista unha Mesa redonda sobre a guerrilla antifranquista (os maquis) no Cine O Mariño ás 20 horas. Será presentada por Xosé Avelino Ochoa Gondar, Vicepresidente da AMH O Grove, intervindo Victor Santidrián, doutor en historia, director da Fundación 10 de Marzo de CCOO, especialista na historia do Partido Comunista, Aurora Marco, catedrática da USC, quen falará sobre o papel das mulleres na guerrilla antifranquista, e Antón Mascato.
A continuación proxectarase o documental histórico "Bandoleiros ou Guerrilleiros", de José A. Sanmartín, quen tenta dar unha imaxe dos guerrilleiros galegos dende o punto de vista político, social, humano e cultural: A historia real da vida e morte dalgúns guerrilleiros galegos como: Manuel Ponte, Enriqueta Otero, Foucellas, O Piloto, etc. .
O sábado día 12, a partir das 21:30 horas e no Restaurante Mar do Norte, situado en Lampans (San Vicente) a asociación celebrará a II Cea conmemorativa da II República. Despois da comida, o grupo Mister Misty Jazz Quartet ofrecerá un concerto.
O sábado 12 de abril, a partir das 19:30 horas e no lugar do Portiño (A Coruña), terá lugar a inauguración do Monumento adicado aos Mortos da Fuga do Portiño.
A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña organiza este evento, nunha xornada na que se tamén se celebrará a Cea da República e se realizará a entrega da distinción `Memoria da Coruña 2008´.
· Máis Información >>
Pascual Serrano, xornalista de ampla traxectoria e membro fundador da Rede de Intelectuais e Artistas en Defensa da Humanidade, achegarase o martes 8 de abril ao Centro Cultural Caixanova de Vigo para ofrecer a conferencia que leva por título `Monarquía e República nos Medios de Comunicación´. Este evento, organizado, pola Asamblea Republicana de Vigo.(Amig@s da República), será presentado polo tamén coñecido xornalista Gustavo Luca de Tena.