Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

O Proxecto de Investigación Histórica sobre a represión franquista en Galicia continúa ampliando o seu fondo documental. Por este motivo, o investigador José Tomás Velasco, desprazouse ao Centro de Documentación de la Memoria Histórica de Salamanca para consultar os expedientes relativos aos procesos de responsabilidades civís e de responsabilidades políticas durante a guerra civil e o franquismo en Galicia inscritos no período 1937-1945. Este estudo compréndese como continuidade e ampliación dos traballos de baleirado levados a cabo polo Proxecto "Nomes e Voces" nos rexistros civís de toda Galicia no período 1936-1939, co obxecto de documentar a todas as vítimas da represión que alí se recollen.

Os días 2 e 3 de xullo terán lugar no Museu Marítim de Barcelona, as xornadas "La Marina Mercant Espanyola sota el Franquisme".
Nestas xornadas participará o historiador e investigador Dionisio Pereira, coordinador da provincia de Pontevedra do Proxecto de Investigación "Nomes e Voces", especialista no movemento obreiro en Galicia e que ten dedicado numerosos artigos e libros á investigación da represión franquista, atendendo de xeito especial á súa vinculación co mar, en: "Foulas e Ronseis (retrincos para un tratado do mar dos galegos)" [Edicións Positivas, 2005] e "O escenario do mar tras o Golpe Militar: o caso da beira pontevedresa da ría de Arousa" [A Trabe de Ouro, 2006].

O I Curso sobre Agrarismo, titulado "Entre la revolución y la reforma: cuestión agraria y asociacionismo rural, 1874-1939", celebrarase os días 1, 2, 3 e 4 de xullo de 2009, no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela.
Este curso, organizado pola Fundación Luís Tilve, a Fundación Pablo Iglesias e a Universidade de Santiago de Compostela, está dirixido a estudantes das licenciaturas das áreas de Historia, Humanidades, Educación e Empresariais, arquiveiros, investigadores, economistas e xuristas, así como a cualquera persoa interesada no tema.
Os responsables das conferencias son especialistas na materia do agrarismo, investigadores e docentes que achegarán as súas reflexións sobre esta realidade, como o caso de Lourenzo Fernández Prieto, Diego Caro Cancela, Manuel Morales Muñoz, Emilio Majuelo Gil, Ramón Villares Paz, Samuel Garrido Herrero, María Xosé Rodríguez Lago e Xaime Barreiro Gil.
A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.
A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.