Asociacións

Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados

O IES Pedras Rubias e o IES Leliadoura acollen as exposicións itinerantes ´A Illa da Memoria´ e ´Os Mártires do Mar´

O IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas acolle a exposición "A Illa da Memoria", de Antón Caeiro, dende o 17 ao 24 de abril.

Esta mostra evoca o tempo (1936-1943) en que a illa de San Simón foi colonia penitenciaria e campo de concentración e foi dada a coñecer ao público o pasado mes de xullo, no marco da Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, realizado na propia illa.

Por outra banda, o IES Leliadoura de Ribeira recibe, do 16 ao 23 de abril, a exposición "Os Mártires do Mar, a represión franquista contra os mariñeiros galegos", da autoría de Dionisio Pereira e levada a bordo do Barco da Memoria, O Hidria II, durante 52 xornadas e 18 portos do noso litoral atlántico.

A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, ten realizado convites aos diferentes centros de ensino secundario de Galiza, a fin de dirixir o esforzo de recuperación e divulgación da memoria histórica e da represión derivada do golpe de estado militar do 18 de xullo de 1936, o cal asolagou todas as ilusións democráticas da IIª República e os dereitos nacionais de Galiza.

| 17 de abril de 2007

Quintana e Bugallo reciben por primeira vez na historia do goberno galego a unha loitadora antifranquista

Por primeira vez na historia un goberno galego recibiu a unha loitadora antifranquista. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, acolleron o pasado venres, 13 de abril, a visita de Consuelo Rodríguez López `Chelo’ que sufriu a represión da dictadura ata 1949 cando se exiliou en Francia, onde vive actualmente.

A Vicepresidencia e a Consellaría de Cultura quixeron recoñecer o labor desta muller que loitou pola liberdade de Galiza desde a resistencia convidándoa a San Caetano. Consuelo Rodríguez López, retirada na illa de Ré, reuniuse con Ánxela Bugallo aproveitando a súa visita a Galiza, en concreto ao seu pobo no Barco de Valdeorras onde vai render unha homenaxe ao seu compañeiro sentimental e ao seu irmán, represaliados polo franquismo.

Dende 1990, Consuelo Rodríguez -coñecida como ‘Chelo’ no círculo guerrilleiro-, leva apoiando todas as actividades que honran á memoria daqueles que perderon a vida en mans dos fascistas desenvolvendo a súa labor na guerrilla.

O fogar de `Chelo’, o fogar da resistencia antifranquista

‘Chelo’ naceu en Soulecín, parroquia de Santigoso (Barco) en 1919, no seo dunha familia que conseguiu ser unha das de maior capital da aldea tras a emigración do pai a Cuba. Xa desde moza asistía ás manifestacións republicanas como a súa primeira aproximación á política. Pero foi coa incorporación ao bando republicano do seu irmán cando a familia dos Soulecíns comeza a formar parte da resistencia antifranquista. Con dous dos irmáns ocultos na casa, a Garda Civil achégase ao fogar de `Chelo’ en 1939 e comeza un tiroteo que remata con ela e o seus pais na cárcere.

A partir de entón, a casa dos Soulecíns convértese no exilio dos guerrilleiros ata que a represión franquista volve sobre a familia, mallando neles diante de toda a aldea e logo fusilando aos pais.

Chegada a esta situación, todos os irmáns marchan ao monte para formar parte da guerrilla, onde perecen catros deles. Só sobreviven ela, a súa irmá Antonia e o seu irmán maior, Francisco. ’Chelo’ introdúcese completamente na labor da resistencia desde 1939 e actúa como enlace da Federación de Guerrillas León-Galicia durante anos. Tamén estivo presa nos cárceres de Valdeorras e de Ponferrada en diversos momentos e en 1945, tras a caída de varios membros da Federación de Columbrianos e tras os descubrimentos de moitas casas de apoio foi parar coa súa irmá ao cárcere en León. Á saída decidiron marchar ao monte onde se reencontra co que foi o home da súa vida, o comunista Arcadio Ríos, da Federación de Guerrillas León-Galicia.

Grazas á axuda da súa irmá e o seu cuñado César Ríos xa en Francia cruza por Hendaia en 1949 cara ao exilio. Viviu en París, onde casou co guerrilleiro asturiano Marino Montes, e desde 1971 reside na illa de Ré cos seus fillos.

Na actualidade estase a realizar un documental sobre a vida de `Chelo´ escrito por Ismaël Covo, Odette Martínez e Laetitia Puertas. Este traballo recolle non só as experiencias e situacións ás que se tivo que enfrontar esta loitadora senón que reflicte a vida da resistencia antifranquista nos montes galegos.

| 17 de abril de 2007

A Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos homenaxea a 33 vítimas do franquismo

O vindeiro sábado 14 de abril é a data disposta polo Concello de Betanzos para proceder a colocar a copia da praca de Buenos Aires que recolle os nomes das 33 vítimas betanceiras inmoladas, fusiladas, paseadas ou asasinadas durante o alzamento fascista de 1936.

Esta praca elaborouse por iniciativa da Asociación Cultural Eira Vella, gardando fielmente as dimensións e características da orixinal e coa intención de lembrar entre nós a memoria daquelas vítimas da sinrazón e da inxustiza na etapa democrática que agora estamos a disfrutar e como advertencia e lembranza perenne do que endexamais debe repetirse.

O acto terá lugar na entrada do Museo das Mariñas ás 12 e media da mañá e contará coa presencia do Alcalde de Betanzos, membros da corporación e familiares das vítimas que desexen asistir, quedando vostede convidado a este acto de xustiza histórica.

| 11 de abril de 2007

A Casa da Cultura de Vilagarcía e o IES Eduardo Pondal exhiben as exposicións itinerantes ´A Illa da Memoria´ e ´Os Mártires do Mar´

A Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa acolle a exposición "A Illa da Memoria", de Antón Caeiro, dende o 10 ao 17 de abril. A actividade conta coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Vilagarcía.

Esta mostra evoca o tempo (1936-1943) en que a illa de San Simón foi colonia penitenciaria e campo de concentración e foi dada a coñecer ao público o pasado mes de xullo, no marco da Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, realizado na propia illa.

Por outra banda, o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela recibe, do 10 ao 16 de abril a exposición "Os Mártires do Mar, a represión franquista contra os mariñeiros galegos", da autoría de Dionisio Pereira e levada a bordo do Barco da Memoria, O Hidria II, durante 52 xornadas e 18 portos do noso litoral atlántico.

A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, ten realizado convites aos diferentes centros de ensino secundario de Galiza, a fin de dirixir o esforzo de recuperación e divulgación da memoria histórica e da represión derivada do golpe de estado militar do 18 de xullo de 1936, o cal asolagou todas as ilusións democráticas da IIª República e os dereitos nacionais de Galiza.

| 10 de abril de 2007

O Concello e o Museo Etnolóxico de Ribadavia organizan actividades relacionadas coa conmemoración da proclamación da II República

Dende o 30 de marzo ao 21 de abril o Concello e o museo etnolóxico de Ribadavia promoven un conxunto de actividades pensadas para conmemorar o aniversario da proclamación da Segunda República.

O venres 30 de marzo, ás 8 e cuarto da tarde o museo será o escenario dunha Sesión Literaria-Musical, na que participan o Club dos Poetas Vivos. Por outra banda, o martes 3 de abril comeza unha serie de conferencias que abordarán temas como A Arte de Vangarda na República, o Agrarismo no Ribeiro e os médicos ourensáns represaliados.

As xornadas conmemorativas finalizan o sábado 21 de abril, coa proxección do filme "La gran fuga de las cárceles españolas", que presentará Iñaki Alforja.

| 30 de marzo de 2007
 

Listaxe de asociacions:

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez