Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, asistiron á primeira reunión do Consello da Memoria, un organismo constituído por persoeiros que foron vítimas da represión, representantes de asociacións e investigadores, que pretende ser un instrumento de representación social que contribuirá á recuperación da memoria histórica, colaborará nos programas institucionais e impulsará novas iniciativas neste eido.
Ánxela Bugallo, Díaz Pardo e os membros do Consello fixeron un balance "moi positivo" das actividades levadas a cabo pola Consellaría durante este Ano da Memoria, pero lamentaron que só este departamento estivese traballando no tema e solicitaron que "todo este traballo penetre tamén no sistema educativo e que o poidan estudar os nenos nos libros de texto, xa que é fundamental difundir entre as novas xeracións todo o que pasou".
Neste sentido, congratuláronse de que todas as actividades do Ano da Memoria contribuíron dun xeito importante á formación dunha conciencia social sobre o tema e que "a xente recuperase o orgullo de ter familiares represaliados, cousa que se escondera ata o momento".
Do Consello forman parte, ademais dos representantes da Consellaría de Cultura, dos seguintes membros:
- 5 persoeiros que viviron directamente a represión franquista e a recuperación da memoria: Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Mariví Villaverde, Mariquiña Villaverde e Antón Santamarina.
- 5 recoñecidos investigadores: Lourenzo Fernández Prieto, Dionisio Pereira, Bieito Alonso, Carme Blanco e Aurora Marco.
- 10 representantes de asociacións pola memoria: Rosa Bassave, David Cortón, Ana Viéitez, Víctor Santidrián, Lois Pérez Leira, Uxío Breogán Diéguez, X. Carlos Garrido, Beatriz Gómez, Rafael Martínez e Antonio Nores.
As funcións deste órgano serán asesorar á Consellaría, colaborar cos programas que se deseñen institucionalmente, presentar iniciativas encamiñadas á recuperación da nosa memoria, formar parte das comisións administrativas creadas para ordes e convocatorias relacionadas coa memoria histórica e avaliar as decisións políticas tomadas ao respecto, ademais de impulsar novas accións de goberno.
O Consello reunirase, alomenos, dúas veces ao ano, aínda que se poderán convocar reunións extraordinarias por iniciativa da Consellaría ou a petición dunha cuarta parte dos seus membros. Elaborará un informe de balance e propostas de futuro en cadansúa reunión. Asemade, anualmente o Consello convocará unha asemblea na que participarán os membros das asociacións, investigadores e particulares directamente implicados.
O Barco da Memoria saiu do porto de Cambados o día 18 de xullo, coincidindo co aniversario do inicio do alzamento franquista, e rematou a súa travesía o 6 de setembro en Vilagarcía. Nestes 51 días de travesía, máis de 35.000 persoas participaron nas actividades que se desenvolveron a bordo e ao seu abeiro en terra: conferencias, mesas redondas, exposicións, proxeccións de documentais audiovisuais, roteiros polos lugares da represión, concertos e homenaxes ás persoas que foron asasinadas e represaliadas polo réxime franquista. En total foron 112 actos nos que se volcou o público asistente.
Interese por coñecer o pasado
Este éxito de público amosa o interese por coñecer un pasado que sempre estivo presente e, ao mesmo tempo, escondido: “A xente quere buscar a memoria, recoñecerse nese pasado e saber o que sucedeu”, afirmou a conselleira no acto de clausura, celebrado no peirao de Vilagarcía. Xa á tardiña tivo lugar un concerto no Auditorio de Vilagarcía a cargo do grupo A Quenlla e da cantante arxentino-galega Lorena Lores.
Acompañada do coordinador do Barco, Dionisio Pereira, Bugallo agradeceu o apoio de todas as asociacións que colaboraron nesta iniciativa: “o entusiasmo que espertou esta travesía non sería posible se non fose pola participación dos colectivos de recuperación da memoria”. En total foron máis de 300 persoas e unhas 50 asociacións culturais as que colaboraron para levar a bo porto o Barco da Memoria.
Testemuños inéditos
Grazas a este labor de divulgación apareceron testemuños de vítimas da represión que até agora non se coñecían. Familiares de persoas represaliadas, que se mantiveron en silencio durante anos a causa do temor, achegáronse ao barco e comentaron os casos das súas familias. Sucedeu así en Cangas, A Coruña, Vigo, Ferrol, Mugardos ou A Illa. Houbo quen identificou persoas anónimas en imaxes, quen forneceu máis datos sobre actos de violencia coñecidos ou quen relatou sucesos de represión dos que non se tiña noticia. Esta información empregarase no proxecto de investigación “Os nomes, as voces, os lugares”, que realizan as tres universidades galegas co apoio da Consellaría de Cultura.
O Barco da Memoria serviu como un lugar de comunicación no que vítimas directas, familiares ou xente especialmente interesada puideron intercambiar as súas historias. Isto reflíctese ben no libro de sinaturas do barco no que hai textos que son verdadeiras dedicatorias escritas por familiares que veñen saldar unha débada co silencio de anos. Precisamente, o éxito de público motivou que se tivese que encertar un segundo libro de dedicatorias.
Todo tipo de público
Pero ao barco non só acodeu xente ligada dunha forma ou doutra á represión, senón tamén persoas que descoñecían a dimensión das consecuencias do alzamento franquista. Precisamente, dar a coñecer esta realidade foi un dos principais obxectivos do Barco. A represión iniciada tras o golpe militar ensañouse na costa co tecido sindical que se creara arredor das fábricas conserveiras e dos traballadores mariñeiros. Líderes sindicais e persoas significadas na loita polas liberdades e polas melloras das condicións laborais foron asasinadas, sufriron prisión ou foron repudiadas.
A mensaxe do Barco continuará
Nas adegas do Hidria II viaxou a exposición “Os mártires do mar: Represión franquista contra os mariñeiros galegos”, comisariada por Dionisio Pereira, e abondoso material audiovisual que se proxectou nas vilas que percorreu. Agora a exposición seguirá a percorrer o país de forma itinerante, principalmente naqueles concellos costeiros nos que non puido recalar o Barco.
A mensaxe do Barco tamén permanecerá a través dun documental que está a preparar a Televisión de Galicia sobre a súa travesía. Unha síntese del proxectouse hoxe á tardiña no Auditorio de Vilagarcía. Por outra banda, a Consellaría publicará un libro que recollerá a viaxe do Barco da Memoria e a Historia da represión franquista na Galiza mariñeira.
Homenaxes ás vítimas
Entre as homenaxes que se realizaron, destaca o roteiro marítimo pola Ría de Vigo, na que o Hidria II, acompañado de máis de 40 embarcacións mariñeiras, percorreu os lugares onde os golpistas afondaron con pesos ao mar as súas vítimas. Por outra banda, o Hidria II participou na homenaxe ás vítimas da represión que tivo lugar o día 23 de xullo na illa de San Simón, un presidio polo que pasaron máis de 5.000 presos republicanos.
O Hidria II comezou a súa singradura en Cambados o día 18 de xullo e durante este tempo visitou: Moaña, San Simón, Baiona, Marín, O Grove, A Illa de Arousa, Rianxo, Cabo de Cruz, Ribeira, Portosín, Muros, A Coruña, Mugardos, Ferrol, Cangas, Vigo, Raxó e, por último, Vilagarcía.
Precisamos, para organizar as visitas, que nos fagades chegar o antes posíbel ao correo anodamemoria@xunta.es as vosas solicitudes co número de persoas que desexan asistir, nome e teléfono de contacto e día preferíbel para anotarse. De seguido nós poñerémonos en contacto coa persoa responsábel para concretar os termos da visita.
Os historiadores do proxecto traballan para seguir aumentando este patrimonio oral da represión na Galiza, e ofrécense a recoller todo tipo de materiais relacionados co tema.
Declaración realizada para Barbantia por Aurora Marco e proposta pola Asociación a todos os concellos das comarcas de Barbanza e Noia.