Asociacións

Listaxe de asociacións relacionadas coa guerra civil e os represaliados

O Teatro Principal de A Estrada acolle unha mesa redonda sobre a investigación histórica da represión en Tabeirós-Terra de Montes

A Comisión pola memoria "Sinhor Afranio" organiza para o venres 29 de xuño ás 8 da tarde a mesa redonda que leva por título ´A represión que "oficialmente" nunca existiu: As dificultades da investigación histórica dos crimes extraxudiciais do franquismo´.

Neste acto público, a celebrar na Sala Varela Buxán do Teatro Principal de A Estrada, intervirán Dionisio Pereira (historiador e membro do Consello da Memoria), Xoán Carlos Garrido (historiador e membro do Consello da Memoria) e Antonio Mascato (Presidente da Comisión pola memoria e Concelleiro de Cultura en O Grove).

Diante da denuncia presentada contra Dionisio Pereira polo contido da súa intervención no Congreso da Memoria celebrado en Narón, en decembro de 2003, e publicada nas Actas no 2004; polas alusións que neste relatorio fai a "persoas sinaladas nos asasinatos e maltratos ou como instigadores dos mesmos" a unha serie de nomes de cargos da falanxe, todos eles falecidos, que o historiador recolleu das súas testemuñas orais, e cuxos familiares agora lle acusan de atentar contra o seu honor; compre facer unha reflexión pública sobre o papel da investigación histórica neste país e das dificultades que ten abordar certos períodos coa metodoloxía propia desta ciencia si se lle aplica a persecución xudicial e a censura.

Con este acto trátase de dar a coñecer a opinión pública as características peculiares do obxecto de estudio ao que non se lle pode impoñer os mesmos esquemas da realidade presente como se verá. Referímonos a represión informal desatada o 18 de xullo de 1936. Un contexto de excepción e unhas actividades nocturnas nas que se prestaba especial celo en borrar o rastro dos autores.

Neste acto mostraranse exemplos de abondo deste xeito de proceder. De aí que non se poida ir moito máis alá de establecer relacións lóxicas en base a testemuñas fundamentalmente orais que apunten á participación en diferente grao dos membros destas organizacións paramilitares (Falanxe e Garda Cívica) na comisión de crimes que de xeito irrefutable se cometeron. Asi pois, polas características destes feitos estudados, as veces non se pode ir máis alá de formular hipóteses nos termos expostos polo historiador denunciado, mais tampouco en ningún caso se pode pasar por menos, senón o traballo de investigación quedaría sesgado e incompleto e daría a impresión errónea de que foron forzas irracionais anónimas as que levaron a cabo estas accións. Algo contrario aos postulados de calquera ciencia que pretanda avanzar no coñecemento da realidade, propoñendo conxeturas que expliquen as causas e o funcionamento dun feito social desta envergadura e relevancia para comprender o noso presente.

Por iso, a Comisión pola memoria "Sinhor Afranio" quere dar a oportunidade a opinión pública de saber como eran aquelas circunstancias e as dificultades dos investigadores de sacalas á luz; e, en definitiva, as graves consecuencias que esta denuncia ten para o desenvolvemento e progreso destes estudios e para a liberdade de creación científica.

A asociación ´Verbo Xido´ e o historiador Dionisio Pereira reciben o IV Premio ´Roberto Vidal Bolaño´

O vindeiro sábado 23 de xuño terá lugar en Cerdedo (Pontevedra) a entrega do IV Premio "Roberto Vidal Bolaño". O colectivo ´Redes Escarlata´ decidiu otorgar o galardón á Asociación Cultural e Ecoloxista ´Verbo Xido´ e ao historiador Dionisio Pereira.

Durante a mesma xornada, e a partir das 12 da mañá, Anxo Angueiras falará sobre Asociacionismo e Memoria Política. O lugar elixido para o evento é o salón da antiga Cámara Agraria.

A Exposición Itinerante ´A Illa da Memoria´ viaxa a O Grove

A Casa da Cultura "Ángel Vázquez Hereder" de San Vicente (O Grove) acolle a exposición "A Illa da Memoria", de Antón Caeiro, dende o 22 de xuño ao 3 de xullo.

Na inauguración oficial, prevista para o venres día 22 ás 21:00 horas e que contará coa participación de Xosé Avelino Ochoa e Antón Mascato, proxectarase o Documental "Aillados", do propio Antón Caeiro.

Por outra banda, o venres, 29 de xuño, tamén ás 21:00 horas, haberá unha mesa redonda, que compartirán Gonzalo Amoedo, Matías Rodríguez e Xosé Avelino Ochoa.

Todos os interesados e interesadas en achegarse a O Grove poderán visitar a exposición os martes, xoves e venres de 16:30 a 19:30 horas, e os sábados, de 11:00 a 13:00 horas.

A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, colabora nesta iniciativa, organizada pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de O Grove.

"A Illa da Memoria" evoca o tempo (1936-1943) en que a illa de San Simón foi colonia penitenciaria e campo de concentración e foi dada a coñecer ao público no mes de xullo de 2006, no marco da Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, realizado na propia illa.

A Galería Sargadelos acolle unha mesa redonda sobre a investigación histórica da represión en Pontevedra e Tabeirós-Terra de Montes

A Comisión pola memoria "Sinhor Afranio" e o colectivo Sempre con vós: Cidadanía pola Verdade, de Pontevedra, organizan para o xoves 21 de xuño ás 8 da tarde a mesa redonda que leva por título ´A represión que "oficialmente" nunca existiu: As dificultades da investigación histórica dos crimes extraxudiciais do franquismo´.

Dionísio Pereira, Xoan Carlos Garrido e Xosé Álvarez analizarán e compartirán impresións sobre a represión soterrada nos casos das comarcas de Pontevedra e Tabeirós-Terra de Montes.

O IES David Buján e a Oficina de Información de Turismo de Ribadeo acollen as exposicións itinerantes ´A Illa da Memoria´ e ´Os Mártires do Mar´

O IES David Buján de Cambre acolle a exposición "A Illa da Memoria", de Antón Caeiro, dende 12 ao 19 de xuño.

Esta mostra evoca o tempo (1936-1943) en que a illa de San Simón foi colonia penitenciaria e campo de concentración e foi dada a coñecer ao público o pasado mes de xullo, no marco da Homenaxe Nacional ás vítimas da represión, realizado na propia illa.

Por outra banda, e coa colaboración da Asociación Cultural Francisco Lanza, a Oficina de Información de Turismo de Ribadeo recibe, do 4 ao 18 de xuño, a exposición "Os Mártires do Mar, a represión franquista contra os mariñeiros galegos", da autoría de Dionisio Pereira e levada a bordo do Barco da Memoria, O Hidria II, durante 52 xornadas e 18 portos do noso litoral atlántico.

A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, ten realizado convites aos diferentes centros de ensino secundario de Galiza, a fin de dirixir o esforzo de recuperación e divulgación da memoria histórica e da represión derivada do golpe de estado militar do 18 de xullo de 1936, o cal asolagou todas as ilusións democráticas da IIª República e os dereitos nacionais de Galiza.

| 12 de xuño de 2007
 

Listaxe de asociacions:

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez