Toda información de interese que sae ao redor deste proxecto.

Hoxe venres dia 12, as 19.00 horas na Galeria Sargadelos (Praza de España nº 2, Monforte de Lemos), terá lugar o acto de presentación do novo libro editado pola Fundación Luís Tilve titulado: "Juan Tizón Herreros. El Pensamiento hecho palabra".
O libro recolle as obras inéditas de Juan Tizón Herreros, que foi elixido Secretario da 3ª Zona do Sindicato Nacional Ferroviario da UGT (con sede en Monforte) en outubro de 1929, sendo posteriormente Alcalde de Monforte e Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo. Fuxido tralo alzamento militar de 1936 (vivencia que se recolle nesta obra), morrería exiliado en Oporto (Portugal) en 1945.

Fondo Rogelio Arca. Proxecto Interuniversitario "Nomes e Voces"
Rogelio Arca Rivas faleceu aos 96 anos en San Martiño de Figueroa en Cerdedo (Pontevedra), de onde era natural. De profesión canteiro, combatiu co exército republicano e estivo prisioneiro no Campo de concentración en Teruel e compañía de revisión en Lugo.
O Proxecto "Nomes e Voces" cobixa un importante fondo fotográfico cedido polo propio Rogelio Arca, no que se recolle a súa estadía no campo penitenciario. Asemade, o Proxecto "Nomes e Voces" colaborou a través do historiador cerdedense e coordinador do Proxecto "Nomes e Voces", Dionisio Pereira na publicación "Álbum de guerra. Canteiros das Terras de Montes no exército republicano" (Difusora, 2008) onde se recollen notas e fotografías de Rogelio Arca acompañado pola contextualización histórica do estudo do equipo de investigación de "Nomes e Voces".
Segue a nova na nosa sección de prensa xeral

Camino Oslé, Vicerrectora de Proyección Social e Cultural da Universidad Pública de Navarra, reuniuse esta semana co Proxecto "Nomes e Voces" coa intención de coñecer polo miúdo o traballo desenvolvido nos últimos anos en torno á investigación da guerra civil e a represión franquista en Galicia. O seu interese parte do desexo de iniciar na UPNA un proxecto similar, para o que requiriu o asesoramento e experiencia de "Nomes e Voces".

Hoxe mércores 27 de outubro ás 20.00 horas, no Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, proxectarase por primeira vez fóra de terras suramericanas, o documental “Las manos en la tierra” da cineasta Virginia Martínez (Montevideo, 1959), nun acto organizado polo Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”, a Universidad de la República Uruguay, a Universidade de Santiago de Compostela, O CSIC e Aceituna Films.

O Proxecto "Nomes e Voces" está a colaborar co FORO 2010 na organización do Coloquio Internacional Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz.O lugar de celebración será o Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación (Campus Universitario Norte).
Este evento ten como obxectivo reunir durante os días 13, 14 e 15 de decembro a recoñecidos profesionais de todo o mundo, especialistas no estudo histórico e xurídico dos procesos de paz e reconciliación. Xunto ás vítimas de procesos represivos, analizarán en perspectiva as diferentes experiencias no referente á superación de conflitos bélicos e ditaduras, incidindo nas políticas transicionais levadas a cabo desde os diferentes gobernos.
A utilización deste espazo implica a aceptación plena das disposicións e condicións de uso que o Proxecto “Nomes e Voces” dispoña, reservándose o dereito de modificar en calquera momento e sen previo aviso os contidos e as condicións do mesmo da forma que sexa oportuna.
A través desta páxina podes colaborar co Proxecto compartindo testemuñas, acontecementos ou historias de vida relacionadas coa represión franquista.