Avelino Pousa Antelo, Presidente da Fundación Castelao, faleceu o pasado 21 de agosto na súa casa despois de 98 anos dunha vida plena e entregada a unha causa chamada Galicia.
No ano 2006 o Proxecto "Nomes e Voces" entrevistou a Avelino Pousa Antelo en calidade de representante do Partido Galeguista e coetáneo dos acontecementos na localidade de A Baña.
Nace en Seoane (A Barcala-Concello da Baña) o 14 de maio de 1914, fillo de María Capeáns e Ramón Antelo Campos. Participa no movemento agrarista e cooperativista da Barcala e dende moi novo vencéllase ás mocedades galeguistas. Sen ser un represaliado directo -xa que pasa a guerra nas filas de Franco- vive a situación do momento e dende ese punto de vista constitúe unha notable testemuña. Docente da Escola Agrícola da Granxa de Barreiros. Secretario Xeral do Partido Galeguista no 1978 e Presidente dende o 79 ao 83.
Avelino Pousa Presidiu a Fundación Castelao ata a hora do seu pasamento dende que no ano 1989 sustituíra a Ramón Martínez López. Durante a súa presidencia a Fundación compilou a obra escrita completa do autor do Sempre en Galiza que viu a luz nunha edición preparada pola Fundación Castelao para a Editorial Galaxia. Foi tamén durante a súa presidencia cando a Fundación Castelao co patrocinio da Fundación Caixa Galicia celebrou o 50 aniversario do pasamento de Castelao cunha magna exposición que conseguiu reunir, nun esforzo sen precedentes, a obra pictórica e gráfica do autor rianxeiro. E tamén no seu periodo de presidencia que se extendeu ao longo de 23 fecundos anos cando a Fundación completou a catalogación da obra do autor de Rianxo nun catálogo que hoxe obra en poder da Consellería de Cultura á espera dun acordo co herdeiro dos dereitos de autor de Castelao para a súa difusión universal a través da rede.
Pousa fora fundador desta institución e xunto con Dna Teresa Rodríguez Castelao, Presidenta de honra da mesma e D. Ramón Martínez López, primeiro presidente da Fundación, participou activamente na primeira grande empresa da mesma: a organización do Congreso Castelao de 1986. Congreso que contribui grandemente á difusión da figura dun ilustre galego cuxo nome viña de permanecer oculto durante máis de 50 anos.
Pousa Antelo nacera en San Xoán de Barcala (A Baña) o 14 de maio de 1914. Militou nas Mocidades Galeguistas, participou activamente na campaña a favor do Estatuto Galego en 1936, desenvolveu a súa vida profesional ligado á educación e ao desenvolvemento do agro, e foi especialmente recoñecido o seu labor ao fronte da Granxa-Escola de Barreiros en Sarria (Lugo).