Finou Rosa Bassave Roibal (A Coruña, 1954) vinculada á USC desde o ano 1983 na área de administración para incorporarse posteriormente á Biblioteca en 1987.
Rosa Bassave, muller comprometida e militante anarcosindicalista, representou á CNT cando formou parte do Consello pola Memoria en 2006 órgano asesor da Consellaría de Cultura e Deporte para contribuír á recuperación da memoria histórica da represión da guerra civil e da ditadura franquista.
En Santiago de Compostela remata a carreira de Historia na USC e comeza a militar na UPG e no seu sindicato revolucionario de estudantes. Formou parte da executiva de ANPG en 1976 e do BNPG 1977, pero logo de fortes discrepancias integrouse no movemento libertario. En 1979 créase a Federación Anarco-comunista Galega e o colectivo Arco da Vella.
Posteriormente participa activamente na refundación do sindicato CNT en Compostela, sendo elixida secretaria xeral en 1990 e 2002 e tesoureira en varias ocasións. Tamén participa no Ateneu Libertário de Compostela e na asociación Mulleres Libres, así como na radio Kalimero. En 2005 foi elixida secretaria xeral da Confederación Rexional Galaica da CNT.
Asidua conferenciante, colaborou en publicacións como Arco da Vella (baixo o pseudónimo de María Balteira), (Anarquista), Andaina, CNT, Festa da palavra silenciada, Marea Negra, A Nosa Terra, Outrasvozes, ou A Protesta. Bibliotecaria da USC desde 1986, tamén colaborou en revistas profesionais de bibliotecas.
Novas relacionadas:
Adeus, Rosa Bassave. Xosé Luis Santos Cabanas, Sermos Galiza
Que envexa, Rosa!. Dionísio Pereira, Sermos Galiza
El 'silencio' de los anarquistas. Óscar Iglesias, El País