O convenio de colaboración entre o Proxecto de Interuniversitario “Nomes e Voces” e a Comisión de Recuperación da Memoria de A Coruña (CRMH), ten por obxectivo subministrar o nome dos mortos ocasionados pola represión franquista entre 1936-1977 dos concellos de A Coruña, Betanzos, Culleredo, Oleiros, Arteixo, Cambre, Bergondo, Abegondo, Carral e Sada.
Para este fin, constituíuse un equipo de traballo composto polos investigadores-historiadores Dionisio Pereira, Carlos Velasco, Eliseo Fernández e Emilio Grandío. Como resultado entregouse, por parte do Proxecto "Nomes e Voces" á CRMH, 593 nomes de vítimas mortas polo franquismo destes concellos.
Destas vítimas, están excluídos os mortos partidarios dos golpistas e outras mortes violentas non relacionadas coa represión. Estas 593 vítimas son 565 nomes e 28 descoñecidos. En canto a xénero son 583 homes e 10 mulleres. Nesta listaxe tivéronse en conta os mortos executados trás consello de guerra e aplicación do bando de guerra e os mortos extraxudiciais. A isto sumáronselle os desaparecidos con presunción de morte.
Os criterios para a confección desta listaxe son: veciños da zona mortos nestes concellos, os naturais da zona mortos fora dos concellos –Galicia, España, campos de concentración de Francia e Alemaña-, e todas as persoas de fóra destes 10 concellos que foron asasinadas neles. A metodoloxía utilizada foi o baleirado de rexistros civís de defuncións, rexistros de cemiterios, consellos de guerra, fontes orais e fontes bibliográficas locais e xerais –Memorial de Mathausen, e toda a bibliografía existente relativa á guerrilla, por exemplo-. Foi este un traballo do equipo de “Nomes e Voces” contando coa inestimable colaboración de historiadores e investigadores locais e asociacións de recuperación da memoria: Xesús Torres, Manuel Pérez Lorenzo, Carlos Pereira e a Asociación Cultura Aberta de Carral.