Do 13 ao 15 de decembro expertos internacionais de primeiro nivel reuniranse no Coloquio Internacional ‘Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz’ que organiza o proxecto ‘Nomes e Voces’ dentro das actividades do Foro 2010. O programa deste encontro presentárono en rolda de prensa o director do proxecto, o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, o historiador e profesor emérito da Universidade de Nova York Nicolás Sánchez Albornoz que será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural e o Procurador de Derechos Humanos de la República del Salvador, Salvador Menendes Leal.
O ámbito que aborda o coloquio permítelle á historia situarse como un elemento de reconciliación consciente, ao “revisitar” o pasado a través de novas técnicas e medios, sinalou Lourenzo Fernández Prieto na presentación. O coordinador do proxecto ‘Nomes e Voces’ resaltou ademais a necesidade que a reconciliación se realice “sobre o coñecemento e non sobre a ignorancia forzada”. O Coloquio ponse así en disposición de achegar a súa particular contribución á construción da cultura de paz.
A evolución de España a través da historia recente pon de manifesto a potenciación desta cultura de paz, dixo pola súa banda Nicolas Sánchez-Albornoz, quen alertou de que “a memoria está desaparecendo”. O catedrático considera que os protagonistas –entendidos como fontes orais de información- do período franquista desapareceron ou cóntanse cos dedos da man polo que a fonte principal para estudar esta época da historia española pronto serán unicamente os arquivos, engadiu.
Este coloquio contará entre os seus convidados a destacados estudosos da recuperación da memoria histórica, procedentes de España e de fóra. É o caso do xornalista e escritor arxentino Horacio Verbitsky, o catedrático Julián Casanova (membro do grupo de expertos encargado da busca de fosas comúns e a identificación das vítimas no sumario contra os crimes franquistas promovido por Baltasar Garzón) ou o catedrático da Universidade de Pisa Gabriele Ranzato (considerado un dos máximos eruditos da historia española do século XX e concretamente da II República Española e a Guerra Civil).
Tamén intervirán o catedrático e ex reitor da Universidade de Valencia Pedro Ruiz, presidente da Asociación de Historia Contemporánea e director de diversas publicacións especializadas; a profesora Maria Luiza Tucci Carneiro, que desenvolve investigacións sobre cuestións dos dereitos humanos, intolerancia, anti-semitismo, etnicidade, escravitude, censura, nazismo e inmigración xudía a Brasil; ou Silvestre Lacerda, director da Direcçao Geral de Arquivos (DGARQ), un servizo central da administración estatal portuguesa coordinador do sistema nacional de arquivos. (Fonte: redacción Xornal USC)