Hoxe xoves 30 ás 19.00 horas, no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), terá lugar a presentación do libro de José Luis Díaz Gómez, Represalia e desagravio dun médico lucense republicano (Ediciós do Castro, 2009), nun evento organizado polo Proxecto Interuniversitario "Nomes e Voces".
O acto, presentado e moderado polo Catedrático de Historia Lourenzo Fernández Prieto, Investigador Principal do Proxecto, contará coa presenza do autor, que estará acompañado pola profesora María Jesús Souto Blanco, coordinadora do Proxecto “Nomes e Voces”, xunto a Isaac Díaz Pardo e Xosé Ramón Fandiño, como representantes da editora.
José Luis Díaz Gómez, médico de profesión e investigador na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), é sobriño de Manuel Díaz González (Incio, 1886), médico republicano que foi duramente represaliado tras o levantamento militar de 1936. A presentación deste libro trae a primeiro termo a cuestión da recuperación da memoria da represión franquista, protagonizada neste caso por este médico do Incio que foi elixido alcalde, e máis tarde, deputado provincial por Lugo.