O pasado mes de decembro de 2013 a Deputación de Lugo, por medio da súa Vicepresidencia Primeira, e a USC, a través do Proxecto Nomes e Voces, renovaron o convenio de investigación que sobre o estudo da represión franquista na provincia de Lugo se está a desenvolver desde hai tres anos. Nesta ocasión, os labores centraranse no acceso á consulta dos datos de represaliados naturais e veciños da provincia e no asesoramento científico para a elaboración e edición de publicacións de investigacións baseadas nos devanditos datos.
Os obxectivos principais do convenio son:
— Acceso e utilización da base de datos de Nomes e Voces, para tarefas de consulta relacionadas co traballo que se desenvolva desde a Área de Cultura da Deputación.
— Asesoramento para as publicacións de datos da investigación realizada por Nomes e Voces, tanto en rede como en soporte papel.
— Posta a disposición pública da totalidade dos datos referidos á represión franquista en Galicia, e singularmente en Lugo, mediante a implementación de mecanismos técnicos que faciliten esta tarefa aos usuarios.
Así mesmo, seguirase coa documentación e posta en valor de diversos patrimonios documentais privados mediante o escaneado, catalogación, arquivo e posta a disposición pública de todas as fontes inéditas recuperadas e dixitalizadas.
Grazas ao apoio da Deputación Provincial de Lugo a través da sinatura deste convenio, podemos seguir ofrecendo á cidadanía datos e documentos referidos á ditadura franquista na provincia a través da páxina www.nomesevoces.net posibilitando as melloras necesarias nas bases de datos de nomes e imaxes do Proxecto.