O profesor José Luis Díaz Gómez, investigador titular do Departamento de Historia e Filosofía da Medicina, UNAM e membro da Academia Mexicana de la Lengua, inaugurará o Máster de Historia Contemporánea cunha conferencia titulada Vida e asasinato do médico republicano d'O Inicio: a lembranza individual, o imaxinario rexional e a memoria histórica, coa que se inicia igualmente a segunda edición do ciclo "Pasados incómodos: Guerra, Memoria e Historia”. Será o martes día 23 na Facultade de Xeografía e Historia, na Aula 13, ás 12 horas.
José Luís Díaz Gómez naceu na Cidade de México en 1943. Gradouse como médico cirurxián na Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM) en 1967 cunha tese dirixida polo profesor Dionisio Neto, quen foi o seu principal mestre. Nesta mesma universidade emprendeu aa súa carreira académica como investigador de tempo completo que continúa na actualidade. A principios dos anos 70 ampliou a súa formación como investigador asociado nos Laboratorios de Investigación Psiquiátrica da Universidade de Harvard e do Hospital Xeral de Massachusetts en Boston, EE UU, a cargo do profesor Seymour S. Kety.
Na UNAM foi investigador do Instituto de Investigacións Biomédicas (1967-1993) e do Centro de Neurobioloxía, campus Juriquilla, en Querétaro (1993-2003). Foi investigador asociado das Unidades de Neurociencias no Instituto Nacional de Neuroloxía (1968-1985) e no Instituto Nacional de Psiquiatría (1985-1993), así como profesor visitante do Programa de Ciencia Cognitiva da Universidade de Arizona (1995-56) e da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (1999 e 2008). Actualmente é investigador titular no Departamento de Historia e Filosofía do Medicamento da Facultade de Medicina da UNAM.
En 2009 e 2010 publicou un ensaio biográfico en galego (Sementeira e memoria, Ediciós do Castro) e outro en castelán (Siembra y Memoria. Muerte y evocación de un médico republicano, Madrid: Fondo de Cultura Económica ) sobre o seu tío Manuel Díaz González, médico rural republicano fusilado ao comezo da Guerra Civil Española.